Os afectados polos chalés de Barreiros poñen Sada como exemplo: "Alí buscan unha solución mentres aquí non se move ficha"

GaliciaXa | AMariñaXa
César Abelleira desprazouse ata Sada para amosar un inmoble cunha orde de demolición onde, segundo explica, se tramita ao mesmo tempo unha modificación urbanística para intentar evitar o derrubo
cesar-abelleira-Barreiros-chales-en-sada-2026
26 Sep 2026

Os afectados polas ordes de derrubo en Barreiros volven reclamar ao Concello que dea pasos para intentar buscar unha saída urbanística que permita salvar as súas vivendas. Desta volta, César Abelleira, un dos propietarios afectados, desprazouse ata Sada para amosar un caso que considera comparable ao que viven no municipio barreirense, pero cunha diferenza que, ao seu xuízo, resulta fundamental: alí estaríanse explorando alternativas á demolición mentres se continúa cumprindo cos trámites derivados da sentenza.

Abelleira utilizou este exemplo para cuestionar o argumento de que o Concello de Barreiros ten "as mans atadas" pola vía xudicial. Segundo relatou desde Sada, o edificio ao que fai referencia contou no seu momento cunha licenza posteriormente anulada por sentenza e ten tamén unha orde de demolición.

"Aquí, cando se concedeu, concedeuse legalmente, pero houbo unha sentenza que anulou a licenza, igual que no noso caso. E aquí, con todo, propóñense solucións", explicou.

O afectado asegura que a principal diferenza está na actuación da administración local. Segundo a súa versión, en Sada continúan os procedementos necesarios por se finalmente fose preciso executar a demolición, pero de maneira paralela estase traballando nunha alternativa urbanística, neste caso mediante unha modificación das normas subsidiarias.

Para Abelleira, esta fórmula demostra que cumprir unha resolución xudicial non impediría estudar ao mesmo tempo outras posibilidades. "Unha cousa non quita a outra", insiste, ao defender que buscar unha solución urbanística "non implica non executar a sentenza", sempre que continúen os trámites correspondentes e se informe ao xulgado das actuacións que se están desenvolvendo.

O PXOM, de novo no centro das reclamacións

Os afectados consideran que en Barreiros esa vía debería pasar principalmente polo plantexamento urbanístico. "Un PXOM sería o seu en Barreiros, pero se non o hai, tamén nos valería" unha alternativa semellante á empregada en Sada, sostén Abelleira.

Precisamente, os propietarios levan tempo defendendo que o Concello debe avanzar no novo plantexamento e esgotar as posibilidades urbanísticas antes de que as demolicións sexan irreversibles. A visita a Sada pretende agora reforzar ese argumento cun caso no que, segundo Abelleira, a procura dunha posible legalización se estaría desenvolvendo sen deter os procedementos xudiciais.

O afectado tamén asegura que no caso sadense se chegou a pedir que se actuase contra o alcalde por unha posible desobediencia ao non terse materializado aínda a demolición. Segundo a explicación ofrecida por Abelleira, o xulgado non apreciaría esa desobediencia ao existir actuacións encamiñadas a procurar unha solución mentres se manteñen os trámites para cumprir a sentenza se esa alternativa finalmente fracasa.

Desde esta perspectiva, Abelleira considera imprescindible que calquera proposta que se formule sexa real e viable e que se traslade ao órgano xudicial. "Hai que informar ao xulgado. Hai que dicirlle: estamos traballando nesta proposta e esta proposta é real, porque ten posibilidades de legalizarse", sostén.

Duras críticas á actuación do Concello

A comparación con Sada leva aos afectados a endurecer novamente as críticas contra o goberno municipal de Barreiros. Abelleira acusa directamente á alcaldesa de non impulsar unha alternativa e cuestiona que a falta de marxe de actuación responda exclusivamente ás decisións xudiciais.

"A alcaldesa de Barreiros non dá unha solución, non busca unha solución, non move ficha", afirma. Para o afectado, se o Concello está "coas mans atadas", é porque "se las ataron eles", xa que considera que a administración municipal ten capacidade para iniciar actuacións urbanísticas que permitan, cando menos, explorar unha saída.

Abelleira vai máis aló e sostén que a falta de iniciativa municipal estaría dificultando tamén a intervención doutras administracións e do propio xulgado. "Quen ten que mover ficha" inicialmente, insiste, é o Concello, para que despois se poida reclamar a implicación doutras institucións.

Por iso, rexeita que se presente o derrubo como a única vía posible sen tentar antes outras opcións. "Non se trata de negarse a demoler", recalca, senón de seguir os pasos esixidos pola sentenza mentres se traballa, ao mesmo tempo, nunha solución que poida facer innecesaria a demolición.

A mensaxe que os afectados traen de Sada é, así, clara: consideran que existen mecanismos para intentar salvar unhas vivendas afectadas por resolucións xudiciais sen desobedecer aos tribunais e reclaman ao Concello de Barreiros que deixe de escudarse na falta de marxe e tome a iniciativa para estudar esas posibilidades.

0.14969992637634