As familias dos seis chalés de Barreiros reclaman axilizar o PXOM para intentar evitar o derrubo

As familias afectadas pola orde de demolición de seis chalés en Barreiros fixeron pública a súa versión sobre un conflito urbanístico que se prolonga desde hai máis de dúas décadas. Os propietarios consideran que aínda existe unha vía vinculada á aprobación do planeamento municipal que podería permitir intentar legalizar os inmobles e critican os atrasos acumulados na tramitación do PXOM.
Os afectados sitúan o inicio da súa historia en 2002, cando, durante un goberno municipal do PP, dúas propietarias solicitaron licenza para construír seis chalés en dúas parcelas. Segundo explican, aquelas autorizacións formaron parte das preto de 1.000 licenzas solicitadas ante o cambio da normativa urbanística previsto para 2003.
Posteriormente, seis familias foron adquirindo as parcelas e construíndo as súas casas conforme ás condicións establecidas nas licenzas concedidas polo Concello. Os propietarios subliñan que adaptaron os inmobles ao autorizado e que obtiveron posteriormente os permisos e documentación correspondentes, entre eles os de primeira ocupación e a inscrición no Rexistro da Propiedade. Defenden, por tanto, que actuaron confiando na validez dos actos administrativos municipais.
O conflito acabou chegando aos tribunais. En 2007 iniciouse o Procedemento Ordinario 248/2007, dando paso a un longo percorrido xudicial. Entre os episodios que destacan figura unha resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) do 30 de abril de 2014, que, segundo os afectados, rexeitou fundamentar a suspensión da execución nunha mera hipótese sobre un futuro planeamento.
En 2018 produciuse outro momento relevante. O TSXG desestimou o recurso presentado polo Concello contra o auto que ordenaba reactivar a execución e impuxo 300 euros en costas. Para as familias, esta decisión volveu evidenciar a necesidade de buscar unha solución urbanística efectiva.
Co cambio de goberno municipal en 2019, os afectados mantiveron unha reunión coa nova alcaldesa, Ana Ermida. Segundo relatan, trasladáronlle desde o primeiro momento a gravidade da situación e a necesidade de actuar. Aseguran que naquela xuntanza se lles indicou que a intención non era derrubar as vivendas, senón avanzar na aprobación do PXOM, unha actuación que formaba parte do programa político do novo executivo.
Porén, as familias sosteñen que os prazos se foron demorando. En abril de 2022, un auto do Xulgado de Lugo volveu facer referencia, segundo a documentación citada polos afectados, á ausencia dun planeamento adaptado e ao longo período transcorrido sen unha actuación material que permitise resolver a situación.
Os propietarios sinalan especialmente unha resolución do TSXG do 14 de marzo de 2024. Segundo a súa interpretación, nela recóllese unha alegación da letrada da Xunta segundo a cal a aprobación dun novo planeamento e a posterior concesión de licenzas de legalización poderían abrir un escenario de imposibilidade legal de executar o derrubo. As familias consideran este punto fundamental para defender que aínda existe unha alternativa que debería explorarse antes da demolición.
A atención está agora posta na adaptación do PXOM. Segundo os afectados, en maio de 2026 o arquitecto redactor entregou a documentación e posteriormente encargouse á Universidade de Santiago de Compostela a adecuación da nomenclatura. Aseguran que, unha vez devolto ese traballo, quedarían pendentes os informes municipais correspondentes para continuar coa tramitación.
As familias reclaman que este proceso se axilice e cuestionan que se presente o derrubo como unha consecuencia inevitable sen esgotar antes todas as posibilidades relacionadas co planeamento. Critican especialmente que se argumente que as resolucións xudiciais deixan ao Concello sen capacidade de actuación cando, ao seu entender, existen antecedentes que permiten explorar unha eventual legalización.
Tras máis de vinte anos de incerteza, os propietarios endureceron agora as súas críticas ao Goberno local y reclaman explicacións sobre os pasos dados para avanzar no PXOM. Consideran que o tempo resulta determinante ante a execución da sentenza e queren que se analice ata o final calquera alternativa legal que permita conservar unhas vivendas que construíron, segundo remarcan, amparándose nas licenzas que no seu día lles concedeu a administración municipal.