Os afectados de Barreiros aproveitan o 11N para denunciar a postura da Alcaldía do BNG sobre as súas vivendas

AMariñaXa
Os veciños concentráronse diante do Concello coincidindo coa folga xeral do 11N para reclamar unha solución ás súas vivendas e denunciar o que consideran unha contradición entre o discurso dos nacionalistas e a actuación do goberno local
barreiros-manifestacion-cesar-concello-11N-2026
12 Nov 2026

Os propietarios afectados pola sentenza firme que ordena a derruba de seis vivendas na zona de Lóngara, en Barreiros, volveron facer pública a súa situación cunha concentración diante da Casa do Concello. A protesta coincidiu coa xornada de folga xeral do 11 de novembro e tivo como principal obxectivo denunciar o que consideran unha contradición entre a defensa do acceso á vivenda que realiza o BNG e a postura que, segundo sosteñen, mantén o goberno municipal ante o seu caso.

Os participantes aproveitaron a mobilización para reclamar unha solución que lles permita conservar os inmobles afectados pola resolución xudicial, cuxa execución está a tramitar o Concello de Barreiros. Os veciños pretendían trasladar directamente as súas reivindicacións á alcaldesa, Ana Ermida, pero non puideron falar con ela. Segundo manifestaron, a rexedora desprazárase a Burela para participar noutra das manifestacións convocadas durante a xornada.

César Abelleira, que exerce como portavoz dos afectados, cuestionou a posición política dos nacionalistas ante esta situación. "O que queremos poñer de manifesto é a hipocrisía, porque o BNG maniféstase pola vivenda, menos polas nosas", afirmou durante a protesta.

Os propietarios tamén fixeron referencia a unhas declaracións recentes da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nas que expresaba o respaldo da formación ás persoas que reivindican o dereito a unha vivenda digna. En concreto, reproduciron a súa afirmación: "O BNG apoia a toda a xente que está loitando por unha vivenda digna".

Abelleira contrapuxo estas palabras á situación que atravesan as familias afectadas en Lóngara. "Pois máis digna que a que compraches e pagaches co esforzo de toda a vida. Construíches legalmente cunhas licenzas que estaban dadas, e que agora mesmo o propio Concello di que se lava as mans", manifestou o portavoz, que defende que os inmobles se levantaron ao abeiro das autorizacións municipais correspondentes.

O representante dos propietarios insistiu en que a súa intención é evidenciar as diferenzas que, ao seu xuízo, existen entre as mensaxes políticas da formación e a súa actuación desde o Concello de Barreiros. "Poñer de manifesto as incongruencias a nivel político autonómico e nacional para gañar unhas eleccións. Din cousas que son marabillosas e, claro, quen non as vai apoiar! Pero despois a nivel local amósase o que están a facer con nós", declarou.

A mobilización prodúcese nun momento no que as familias continúan buscando alternativas para evitar a execución da sentenza. Recentemente, os propietarios anunciaron que encargaran un informe urbanístico especializado que, segundo explicaron, identifica cinco posibles vías para intentar legalizar as vivendas. A maioría destas opcións precisarían actuacións do Concello, mentres que outra podería depender da Xunta de Galicia.

O conflito ten a súa orixe nas licenzas concedidas hai máis de dúas décadas para a construción dos inmobles. As autorizacións de segregación foron posteriormente anuladas pola Xustiza, o que afectou tamén aos permisos posteriores. As familias sosteñen que adquiriron os terreos e construíron as súas casas confiando na documentación facilitada pola Administración municipal.

Os afectados xa reclamaran anteriormente que se axilizase a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, ao considerar que podería abrir unha posibilidade para defender a legalización dos inmobles ante os tribunais. Aínda que recoñecen a existencia dunha resolución xudicial firme, insisten en que deben estudarse todas as alternativas legais antes de proceder á demolición.

Coa concentración do 11N, os propietarios volveron trasladar á rúa unha reivindicación que manteñen desde hai meses e que agora vinculan directamente co debate sobre o dereito á vivenda. A súa principal demanda continúa sendo que as administracións implicadas exploren as posibilidades urbanísticas e xurídicas que permitan evitar a perda das seis casas.

0.11850690841675