Os propietarios dos seis chalés de Barreiros aseguran que existen cinco vías para legalizar as vivendas

AMariñaXa
César Abelleira anuncia que contrataron un informe especializado que identifica varias alternativas e avanzan unha protesta diante do Concello de Barreiros
chales-Barreiros-longara-2026-2
8 Nov 2026

Os propietarios dos seis chalés de Lóngara, en Barreiros, aseguran que existen distintas alternativas para intentar legalizar as súas vivendas e evitar a súa demolición. Así o trasladou César Abelleira, un dos afectados, que explica que contrataron un informe urbanístico elaborado por un equipo técnico de solvencia incuestionable, cuxas conclusións e propostas concretas se darán a coñecer dentro dunhas semanas.

Segundo Abelleira, o documento identifica arredor de cinco opcións para regularizar a situación das construcións. A maioría delas dependerían de actuacións por parte do Concello, aínda que unha das posibilidades podería corresponder á Xunta. Os propietarios están pendentes de que a Administración autonómica lles conceda unha reunión para abordar esa alternativa.

O afectado considera que o informe confirma que existen posibilidades de atopar unha saída e critica a falta de avances por parte do goberno municipal. "Isto demostra ao cen por cen que hai solucións e que se pode", sostén Abelleira, que cuestiona a vontade da alcaldesa do BNG, Ana Ermida, e do seu equipo para impulsar unha alternativa que permita conservar as vivendas.

O conflito afecta a seis chalés cuxas licenzas de segregación foron declaradas nulas xudicialmente, o que acabou afectando tamén ás autorizacións posteriores. Os propietarios sosteñen que adquiriron as parcelas e construíron as casas contando cos permisos concedidos polo Concello. Nos últimos meses intensificaron as críticas ao actual executivo local, ao que reprochan non ter avanzado coa suficiente rapidez na tramitación urbanística que, segundo consideran, podería abrir unha vía para evitar os derrubamentos.

Na súa anterior explicación pública, Abelleira xa apuntara á importancia de avanzar na aprobación inicial do plantexamento municipal como posible instrumento para defender ante a Xustiza unha alternativa á demolición. Os afectados tamén cuestionan que, mentres consideran que a tramitación urbanística se prolongou durante anos, os pasos administrativos relacionados coa derruba avanzasen con maior rapidez.

O representante das familias sostén que o informe demostra que existen alternativas para resolver a situación e considera que a falta de avances responde á ausencia de vontade do goberno municipal do BNG. Abelleira aclara que o malestar cos representantes locais do BNG e do PSOE non responde a motivos partidistas, senón ao feito de que son as formacións que gobernan actualmente en Barreiros e que, ademais, coñecen a situación dos afectados tamén a nivel autonómico. Por iso, reprocha que non se estean dando pasos para atopar unha solución. O portavoz das familias afirma que lles produce vergoña que, mentres se debate sobre o acceso á vivenda, eles poidan acabar perdendo as súas casas.

Como parte das súas reivindicacións, os afectados anuncian que aproveitarán a convocatoria dunha folga xeral o día 11 na que está incluída a problemática da vivenda para realizar unha pequena concentración diante do Concello de Barreiros. A protesta busca visibilizar a súa situación e reclamar que se estuden as alternativas antes de que se execute a demolición das seis casas.

0.14152717590332