O PP de Barreiros apoia ás familias de Lóngara e esixe acelerar o PXOM

AMariñaXa
Os populares sosteñen que os propietarios actuaron de boa fe e con licenzas municipais e reprochan ao BNG que, tras sete anos no goberno, non culminase o novo planeamento
Jose-Manuel-Gomez-PP-Barreiros
27 Aug 2026

O Partido Popular de Barreiros trasladou o seu apoio aos propietarios das vivendas de Lóngara afectadas pola orde de derrubo e reclama ao goberno municipal que explore todas as posibilidades legais para intentar evitar a demolición. A formación considera que unha das prioridades debe ser acelerar a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e determinar se o novo planeamento pode contribuír a atopar unha saída á situación.

Os populares defenden que as familias actuaron de boa fe cando construíron as vivendas, ao contar con licenzas urbanísticas municipais que eran válidas no momento da súa concesión e que, segundo lembran, estaban avaladas polos correspondentes informes técnicos e xurídicos.

O PP asegura respectar as resolucións dos tribunais, pero considera que iso non impide buscar alternativas dentro da legalidade. "O Concello debe poñerse do lado dos afectados e explorar todas as vías legais posibles para evitar o derrubo", sostén.

A formación centra boa parte das súas críticas no actual goberno municipal do BNG, ao que acusa de mirar cara ao pasado en lugar de avanzar nunha posible solución. "O pasado xa foi xulgado. Agora o que toca é ser útiles aos veciños, deixar de mirar atrás e avanzar no PXOM", sinalan os populares.

O PP cuestiona os sete anos sen culminar o PXOM

O planeamento urbanístico convértese así no principal punto das reclamacións do PP. A formación lembra que o BNG xa reclamaba en 2005 a aprobación dun PXOM para Barreiros e cuestiona que, máis de dúas décadas despois e tras sete anos dos nacionalistas á fronte do Concello, o municipio continúe sen contar co documento aprobado.

"Que fixeron estes últimos sete anos?", preguntan os populares, que recollen tamén as afirmacións das propias familias sobre o estado da tramitación. Os afectados sosteñen que o planeamento chegou a atoparse nunha fase avanzada e que se aproveitaron informes e traballos elaborados anteriormente.

Neste contexto, o PP reclama que se reactive o procedemento. "Se o PXOM pode ser unha vía para buscar unha solución e evitar o derrubo, por que o BNG non o impulsa? Por que leva sete anos metido nun caixón?", cuestiona a formación.

Para os populares, a prioridade neste momento debe ser escoitar aos propietarios, estudar as alternativas existentes e avanzar no novo planeamento, evitando que o debate se limite ao intercambio de responsabilidades políticas.

O PP recupera o papel do BNG na intervención urbanística

A formación popular tamén volve sobre os antecedentes do conflito urbanístico de Barreiros. Lembra que en 2005 o grupo municipal do BNG remitiu á Administración autonómica un escrito no que advertía da situación urbanística do municipio e solicitaba a súa intervención.

Segundo expón o PP, posteriormente, en 2007, a Dirección Xeral de Urbanismo, durante o goberno bipartito, levou aos tribunais determinadas licenzas mediante un recurso contencioso-administrativo que acabaría derivando na súa anulación xudicial.

Os populares utilizan estes antecedentes para cargar contra a posición actual dos nacionalistas. "O BNG estivo na orixe do problema e agora pretende desentenderse da solución", afirman.

Ao mesmo tempo, o PP insiste en que as familias non deben cargar coa responsabilidade dunha situación xerada despois de actuar amparadas polas autorizacións concedidas. A formación lembra tamén que, segundo sostén, non existe condena contra a anterior corporación municipal pola concesión das licenzas.

A posición do PP chega ademais cando as familias preparan unha concentración para este 28 de agosto diante da Casa do Concello, coa que buscan sumar apoio social e reclamar unha solución que evite a perda das vivendas.

Por todo iso, reclama ao goberno local que centre os seus esforzos en procurar unha solución dentro do marco legal. "Ninguén lles pide que incumpran as sentenzas, nin que cuestionen as decisións xudiciais. Pedímoslles que fagan política útil: que traballen, que busquen solucións e que aceleren o PXOM", conclúe o PP.

0.15757894515991