As familias de Barreiros cuestionan ao BNG polo seu papel na intervención urbanística

A polémica polos seis chalés de Lóngara suma un novo capítulo despois de que as familias afectadas recuperasen un documento de 2005 co que poñen o foco no papel desempeñado polo BNG de Barreiros nos antecedentes do conflito urbanístico. O escrito acredita que a formación, daquela na oposición, reclamou á Xunta unha "intervención urxente" sobre a xestión urbanística municipal.
O documento, rexistrado o 15 de decembro de 2005 ante a Dirección Xeral de Urbanismo, advertía dun "serio risco de marbellización" do litoral, criticaba a proliferación de construcións e cuestionaba a política seguida polo Goberno municipal. O BNG solicitaba expresamente á Xunta actuar para "erradicar estas prácticas e evitar a destrución irreversible do litoral do concello".
As familias consideran que este escrito contradí os intentos de desvincular completamente á formación nacionalista dos antecedentes da intervención autonómica. Os afectados reprochan que, dúas décadas despois, as responsabilidades se trasladen entre administracións e partidos mentres son os propietarios, alleos ao enfrontamento político, os que soportan as consecuencias da anulación dunhas licenzas que lles foran concedidas.
Ademais, lembran que o propio Goberno local explicou nunha comparecencia do pasado mes de xullo que a orixe concreta do conflito dos seis chalés non fora unha denuncia, senón un requirimento do director xeral de Urbanismo para que o Concello revisase de oficio aquelas licenzas. Para as familias, con todo, resulta relevante que previamente o BNG xa reclamase formalmente a intervención da Xunta sobre o urbanismo de Barreiros.
O BNG nega unha denuncia contra os chalés
Ante estas críticas, o BNG respondeu asegurando que "nunca denunciou os chalés de Lóngara" e acusa de ofrecer unha interpretación incorrecta do documento. Os nacionalistas sosteñen que aquel escrito se refería á situación urbanística xeral do municipio e non ás seis vivendas nin ás familias propietarias.
A formación admite, polo tanto, que pediu á Xunta que investigase a xestión urbanística, pero establece unha clara diferenza entre esa petición e unha denuncia concreta contra os inmobles. Argumenta que naquela época existían suficientes dúbidas sobre a política urbanística desenvolvida polo Goberno municipal do PP para solicitar a fiscalización autonómica.
O BNG sinala ademais que foi a propia Xunta a que posteriormente revisou os expedientes e que, no caso de Lóngara, o director xeral de Urbanismo requiriu en 2006 ao Concello a revisión de oficio das licenzas. Segundo os nacionalistas, ao non resolverse ese requirimento, a Administración autonómica presentou en 2007 o recurso contencioso-administrativo que acabaría derivando na anulación das autorizacións.
"O BNG non concedeu esas licenzas. O BNG non tramitou esas segregacións. O BNG non denunciou eses seis inmobles", recalca a formación.
Mentres continúa este cruzamento de acusacións, as familias dos seis chalés reclaman que se axilice o PXOM para intentar evitar o derrubo. Os afectados consideran que avanzar no novo planeamento podería abrir unha vía para procurar a legalización das vivendas e insisten en que se esgoten todas as posibilidades antes de executar as demolicións.
Con todo, o documento recuperado polas familias deixa constancia de que, antes do inicio do procedemento que afectaría aos chalés, o BNG xa reclamaba formalmente á Xunta unha intervención urxente no urbanismo de Barreiros, unha circunstancia coa que os afectados piden que tamén se complete o relato sobre a orixe dun conflito que, vinte anos despois, continúa sen pecharse.