O deterioro do pavillón de Viveiro reabre o debate sobre o mantemento das instalacións deportivas

O estado de conservación do pavillón municipal de Viveiro volve estar no centro do debate político. A instalación, que acumula 41 anos de historia, presenta sinais de deterioración en distintas zonas, con filtracións de auga sobre parte do pavimento deportivo e puntos nos que os elementos metálicos da estrutura quedaron á vista. O desgaste tamén é visible nas escaleiras de acceso e nas fachadas este e oeste, espazos que, segundo as valoracións trasladadas, apenas recibiron traballos de mantemento desde a construción do edificio.
A última intervención anunciada para estas instalacións remóntase ao pasado mes de outubro, cando o Concello licitou obras para renovar parte da carpintería exterior, debido ao seu estado de deterioración. O proxecto conta cun orzamento base de 48.215,68 euros, IVE incluído, e está financiado pola Xunta de Galicia. A actuación céntrase na substitución dos elementos exteriores afectados, co propósito de mellorar a seguridade e o comportamento enerxético do edificio, sen modificar o seu uso deportivo nin os parámetros urbanísticos.
Porén, máis alá desa intervención, o resto do exterior do pavillón continúa amosando un desgaste que resulta cada vez máis evidente. A presenza de pingueiras sobre algunhas zonas do parqué e a exposición de partes metálicas da estrutura suscitan tamén preocupación polo estado xeral da instalación e pola necesidade de acometer actuacións de maior alcance.
O BNG de Viveiro asegura ser consciente da situación e lamenta as condicións nas que se atopa o recinto deportivo. A formación nacionalista sitúa parte da responsabilidade na capacidade do goberno municipal para conseguir recursos doutras administracións e considera que sería necesario intensificar as xestións para obter financiamento que permita atender as necesidades das instalacións locais.
Como exemplo, os nacionalistas aluden ás actuacións realizadas no Concello de Sarria, onde, segundo indican, se renovou o céspede do campo de fútbol cunha achega da Xunta de 500.000 euros. Tamén citan os traballos na cuberta e na carpintería metálica do pavillón dese municipio, cun investimento de 60.000 euros financiado igualmente con fondos autonómicos.
Desde o BNG consideran que Viveiro debería procurar unha relación institucional máis fluída e negociadora coas distintas administracións, incluída a Vicepresidencia da Deputación. A formación critica a actitude do executivo local cara a esta institución e defende que a colaboración e o diálogo poden facilitar a chegada de investimentos.
Ao seu xuízo, a prioridade debe ser conseguir financiamento e respostas para as necesidades do municipio, por riba das diferenzas institucionais. Por iso, reclama que se tendan pontes e se busquen acordos que permitan mellorar as infraestruturas públicas e garantir unhas instalacións deportivas en condicións adecuadas para a veciñanza.