O CB Burela, unha historia de entrega, canteira e paixón

Por Ana Somoza.
O Club Baloncesto Burela é moito máis ca unha entidade deportiva. Así o transmite o seu presidente, Rogelio Cayón, ao facer un percorrido pola súa historia, marcada por etapas de crecemento, dificultades e unha constante: o compromiso coa base. Segundo explica, a semente do baloncesto organizado na vila remóntase a 1988, cando se crea a Agrupación Deportivo Cultural Burela impulsada por Carlos Rodríguez Costas. “Aquel proxecto empezou con cinco equipos federados de baloncesto e tamén con tres de fútbol sala”, lembra, destacando que xa desde o inicio había unha clara vontade de fomentar o deporte entre a mocidade.
Non obstante, o nacemento do actual club prodúcese uns anos despois. Cayón sinala que “no 1993 un grupo de pais decidiu dar un paso adiante para que os seus fillos puideran xogar ao baloncesto, e así naceu o Club Baloncesto Burela cos seus propios estatutos”. Aquel impulso foi clave para consolidar a práctica deste deporte na vila, aínda que o camiño non sempre foi continuo.
REACTIVACIÓN. Un dos momentos máis decisivos chegou en 2007. Tras varios anos sen actividade, unha nova directiva apostou por recuperar o club. “Nese ano inicial tivemos arredor de 40 nenos apuntados, e foi o punto de partida dunha nova etapa”, explica o presidente. Dende entón, o CB Burela mantivo unha presenza constante nas competicións da Federación Galega de Baloncesto.
Curiosamente, a nivel federativo o club segue figurando co nome da antiga agrupación. “Seguimos aparecendo como A.D.C. Burela, e persoalmente véxoo como unha homenaxe aos nosos inicios, aínda que nos estatutos xa somos Club Baloncesto Burela”, comenta Cayón, cun certo ton de orgullo pola historia acumulada.
DIFICULTADES. Como en moitos proxectos deportivos de base, os obstáculos foron e seguen sendo similares co paso do tempo. “Os problemas de agora son practicamente os mesmos que nos comezos: financiamento, dedicación e contar con xente suficiente, tanto xogadores como adestradores”, afirma. A realidade dun club modesto obriga a un esforzo constante por manter a actividade e garantir a continuidade.
A pesar diso, o CB Burela conseguiu consolidarse grazas ao traballo altruísta de moitas persoas. Cayón insiste en que “sen o compromiso dos adestradores e das familias sería imposible manter o club en funcionamento”, evidenciando o papel fundamental da comunidade.

SIGNIFICADO. Para a vila, o club representa unha oportunidade e tamén un espazo de aprendizaxe. “Significa dar aos rapaces e rapazas a opción de practicar un deporte bonito, pero tamén todo o que implica: compañeirismo, convivencia e valores”, destaca. Máis aló da competición, o CB Burela converteuse nun lugar onde medrar persoalmente.
O presidente tamén subliña o exemplo que supón o traballo dos técnicos: “É un exemplo de tesón e entrega por parte de xente que leva toda a vida vinculada ao club”. Esa continuidade é unha das claves do seu éxito e da súa identidade.
EVOLUCIÓN. Ao longo dos anos, o número de equipos variou en función das circunstancias. “Tivemos altibaixos, pero chegamos a un máximo na tempada 2022-23 con 13 equipos, cinco deles en liga galega, o que foi un récord para nós”, explica Cayón. Actualmente, a estrutura é máis reducida, con oito equipos, aínda que recuperaron a categoría sénior, un paso importante.
Esta evolución reflicte a capacidade do club para adaptarse e seguir adiante. “O importante é manter a actividade e seguir ofrecendo oportunidades á base”, engade.
FITOS. Entre os momentos máis destacados, Cayón lembra especialmente a organización do Campionato de España Xuvenil Feminino en 2017, en colaboración con outros clubs da comarca. “Foi unha experiencia única e podemos dicir que todo o mundo quedou encantado”, asegura.
En canto aos logros deportivos, o presidente menciona varios títulos provinciais e un fito especialmente relevante: “O máis importante foi o campionato de Galicia en categoría preinfantil masculina na tempada 2021-22”. Un éxito que confirma o bo traballo realizado nas categorías inferiores.
Tamén hai tempadas que quedan na memoria polo seu significado emocional. “A 2020-21 co infantil feminino foi inesquecible. Chegamos á final four en Vigo sendo o equipo máis débil e quedamos a un punto de clasificarnos para o Campionato de España”, relata. Aquel partido contra o Instituto Rosalía, decidido por un tiro final que non entrou, segue moi presente: “Foi a vez que máis preto estivemos”.

REFERENTES. Se hai unha figura clave na historia recente do club, esa é Carlos “Madar”. Cayón non dubida: “Se temos que destacar unha persoa, sería el. Leva máis tempo ca ninguén no banquiño e sen el o club non sería o que é hoxe”. Aínda que recoñece que nunca estivo só, considera que a súa implicación foi determinante.
CANTEIRA. A base é o verdadeiro motor do CB Burela. “A canteira é a nosa razón de ser”, afirma con rotundidade. Grazas a ese traballo, o club comeza agora a recoller os seus froitos coa recuperación de equipos sénior formados por xogadores que medraron na casa.
Os valores que intentan transmitir son numerosos: “traballo, esforzo, empatía, compañeirismo, igualdade…”, enumera Cayón, convencido de que o deporte é unha ferramenta educativa fundamental.
AFECCIÓN. O apoio do público tamén xoga un papel importante, aínda que cunha particularidade. “A nosa afección está formada sobre todo polos pais e nais dos xogadores”, explica. Esa proximidade crea un ambiente familiar nos partidos, onde todos aprenden. “Igual que os nenos aprenden a xogar, os pais aprenden a ser afección”, comenta con humor.
IDENTIDADE. Representar a Burela fóra da comarca é motivo de orgullo. “Somos unha vila pequena, pero ás veces damos moita guerra”, di. Ademais, destaca a importancia de sentirse parte da Mariña: “Se nos xuntamos, a cousa cambia moito”.
CAMBIOS. O baloncesto tamén evolucionou nos últimos anos, cunha maior esixencia. “Hai máis adestramentos, máis preparación, máis desprazamentos e tamén máis burocracia”, sinala. Ante isto, o club tenta adaptarse: “Intentamos dar ese máis que se nos pide”.
FUTURO. De cara ao futuro, o principal reto é garantir a continuidade da estrutura directiva. “Agora mesmo temos unha xunta xestora provisional porque non houbo candidatos á presidencia, e iso é algo fundamental que hai que resolver”, advirte.
A longo prazo, Cayón ten claro o seu desexo: “Gustaríame ver a antigos xogadores volver ao club como sénior, adestradores ou directivos. Iso significaría que o esforzo valeu a pena”.
MENSAXE. Para rematar, o presidente lanza unha mensaxe á mocidade: “Que se anime, que ninguén nace sabendo. O importante non é o que sabes, senón o que podes aprender”. E engade: “É un deporte bonito e a experiencia de formar parte dun equipo merece moito a pena”.
En definitiva, o CB Burela segue escribindo a súa historia baseándose na ilusión, no traballo colectivo e na firme aposta pola formación, converténdose nun referente deportivo e social na vila.