Foz habilitará un vestiario feminino no campo de fútbol municipal de Malates

O Concello de Foz acondicionará un vestiario feminino no campo de fútbol municipal de Malates, unha actuación que, segundo explica o goberno local, xa estaba planificada antes de que o Partido Popular presentase un rogo sobre esta cuestión no último pleno da corporación.
A intervención consistirá en transformar un espazo que actualmente funciona como almacén nunha instalación destinada ás xogadoras. Os traballos serán realizados con persoal municipal e está previsto que comecen nas próximas semanas, tras as conversas mantidas entre o Concello e a asociación Santiago de Foz.
A voceira do goberno municipal, Inés López Couto, criticou que o PP presentase posteriormente unha nota de prensa sobre a necesidade destes vestiarios, ao considerar que os populares xa recibiran explicacións sobre a actuación durante a propia sesión plenaria. A representante municipal cualificou de "oportunista" a iniciativa do grupo da oposición.
López Couto explicou que a adecuación do novo espazo foi acordada coa asociación deportiva e enmárcase nas melloras que se están realizando nas instalacións de Malates. Estas actuacións deron continuidade á renovación integral do céspede e do sistema de rega, así como aos traballos nas redes de protección.
As intervencións anteriores financiáronse a través dun convenio coa Deputación de Lugo e, segundo lembrou a voceira, foran consensuadas cos clubs deportivos e co propio Partido Popular. O goberno local defende así que a creación do vestiario feminino forma parte dunha planificación de melloras nas instalacións municipais.