O PP de Foz reclama novos vestiarios no campo de fútbol de Malates para os equipos mixtos

Foz
AMariñaXa
Os populares propoñen estudar o uso dos remanentes municipais para financiar a actuación e garantir a intimidade dos nenos e nenas
campo-Malates-Foz
2 Nov 2026

O Partido Popular de Foz reclama ao goberno local a habilitación de novos vestiarios no campo de fútbol de Malates para que os equipos mixtos poidan utilizar as instalacións en condicións de igualdade e coa intimidade necesaria. A petición foi trasladada ao pleno municipal celebrado o pasado xoves, no que os populares puxeron o foco nas dificultades que afrontan os grupos nos que xogan xuntos nenos e nenas á hora de cambiarse.

O voceiro do PP, Javier Castiñeira, explica que esta situación xa foi comunicada en varias ocasións ao executivo municipal polos propios usuarios do campo. Segundo sinala, a falta de espazos adecuados provoca problemas para que os integrantes dos equipos mixtos poidan utilizar os vestiarios dispoñibles de maneira simultánea.

Os populares agardaban que esta necesidade se resolvera aproveitando as obras de renovación do céspede, pero a intervención non incluíu a construción de novos vestiarios. Ante esta situación, o grupo considera que o Concello debería valorar a posibilidade de destinar parte dos remanentes municipais a financiar a actuación.

"O que pedimos é que tanto os nenos como as nenas poidan cambiarse ao mesmo tempo, coa intimidade que requiren os equipos mixtos. Para iso fan falta máis vestiarios e o equipo de goberno debe dar unha solución a este problema", defende Castiñeira.

O PP insiste en que se trata dunha demanda reiterada das persoas que utilizan as instalacións e considera que debe ser atendida para adaptar os equipamentos municipais ás necesidades dos clubs e dos equipos que desenvolven alí a súa actividade.

"Non vale de nada falar de políticas de igualdade se despois non se teñen en conta cuestións tan básicas como esta nunha instalación municipal", conclúe o voceiro popular, que insta ao goberno local a adoptar medidas para resolver a situación.

0.17540884017944