CSIF urxe ao Concello de Burela a culminar unha RPT pendente máis dun ano despois do acordo sindical

A Central Sindical e Independente de Funcionarios (CSIF) solicitou unha reunión urxente coa alcaldesa de Burela, Carmela López, para abordar os atrasos na tramitación e aplicación da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello. O sindicato reclama ao executivo municipal que concrete os pasos que aínda quedan por completar e estableza prazos para que o documento teña finalmente efectos sobre o persoal.
A petición chega máis dun ano despois do acordo acadado coa representación sindical. Segundo lembra CSIF, a RPT recibiu o respaldo unánime dos sindicatos na Mesa Xeral de Negociación en agosto de 2025, despois dun longo proceso de negociación.
O documento continuou posteriormente a súa tramitación. En abril deste ano volveu ser revisado para incorporar os cambios derivados da saída da Unidade de Drogodependencias do Concello, unha modificación que tamén obtivo o respaldo sindical. Finalmente, en maio, o goberno local levou a RPT ao pleno para a súa aprobación inicial. Naquel momento, o executivo presentou o paso como o desbloqueo dun proceso iniciado en 2007 e destacou que permitiría actualizar a estrutura interna da administración municipal.
Con todo, CSIF sostén agora que, transcorrido máis dun ano desde o acordo inicial cos representantes dos traballadores, a RPT continúa sen estar definitivamente aprobada nin aplicada.
"NON PODEN SEGUIR ESPERANDO". A central sindical recoñece que a tramitación administrativa debe cumprir todas as garantías, pero considera que estas "non poden converterse nunha sucesión indefinida de demoras" que acaben repercutindo sobre o persoal municipal.
"Os traballadores e traballadoras do Concello de Burela non poden seguir esperando indefinidamente. A RPT foi negociada e acordada hai máis dun ano. Agora corresponde ao Goberno municipal rematar a súa tramitación e poñela definitivamente en marcha", reclama CSIF.
O sindicato lembra ademais que foi o propio executivo quen presentou a RPT como unha ferramenta necesaria para adaptar a organización do Concello ás necesidades actuais. Na presentación realizada en maio, o goberno local defendeu que o documento permitiría delimitar con maior claridade as funcións, responsabilidades e características dos diferentes postos, ademais de avanzar cara a unha administración máis ordenada e eficaz.
A tramitación non estivo exenta de debate político. O PP abstívose na aprobación inicial e cuestionou entón determinados aspectos da RPT, entre eles as valoracións dalgúns postos. Os populares aseguraron tamén que, malia a sinatura dos representantes sindicais, parte do persoal lles trasladara discrepancias sobre o proceso de negociación e sobre o resultado final do documento.
OUTRAS DEMANDAS LABORAIS. A reunión solicitada por CSIF pretende servir tamén para abordar outras cuestións pendentes que afectan ao persoal municipal. Entre elas, a central considera prioritario avanzar na aplicación da xubilación parcial con contrato de relevo para os traballadores laborais que cumpran os requisitos establecidos legalmente.
CSIF confía en que a Alcaldía atenda a súa petición e se abra unha nova vía de diálogo, pero reclama que as conversas se traduzan nesta ocasión en "decisións, prazos e respostas concretas" para o persoal.