O Concello de Burela leva ao pleno a aprobación inicial dunha RPT que desbloquea un proceso iniciado hai case dúas décadas

O Concello de Burela celebrará este xoves un pleno extraordinario no que se someterá a aprobación inicial a nova Relación de Postos de Traballo (RPT), un documento que o executivo municipal considera fundamental para reorganizar e actualizar a estrutura interna da administración local.
O goberno burelés cualifica esta proposta como un avance “histórico”, ao tratarse dun proceso que se intentaba culminar desde o ano 2007 e que, ata o de agora, non lograra saír adiante pese aos diferentes intentos de negociación realizados ao longo dos últimos anos.
A alcaldesa, Carmela López, destacou que a futura RPT permitirá definir con maior claridade as funcións, responsabilidades e características de cada posto municipal, adaptando a organización do Concello ás necesidades actuais da administración e dos servizos públicos.
O expediente que será levado ao pleno inclúe diferentes documentos técnicos e organizativos, entre eles o organigrama administrativo, as fichas descritivas dos postos, a valoración individualizada de cada emprego, o manual de valoración e o plan de promoción interna.
Segundo explicou a rexedora, a proposta chega tras un proceso de diálogo coa representación sindical que culminou cun acordo unánime na Mesa Xeral de Negociación. Posteriormente, o documento foi revisado para incorporar os cambios derivados da saída da Unidade de Drogodependencias do Concello cara á Xunta de Galicia, modificación que tamén contou co respaldo sindical na reunión celebrada o pasado 30 de abril.
López puxo en valor o clima de entendemento acadado durante a negociación e asegurou que o feito de que o texto chegue avalado pola representación do persoal municipal evidencia a existencia dun “diálogo real” e dunha vontade compartida para desbloquear un asunto pendente desde hai anos.
A alcaldesa insistiu ademais en que a Relación de Postos de Traballo non responde a unha subida salarial xeneralizada, senón a unha análise técnica individualizada de cada posto, tendo en conta aspectos como as funcións desempeñadas, o nivel de responsabilidade, os requisitos profesionais ou a dependencia orgánica de cada área.
Desde o goberno local consideran que a aprobación inicial da RPT suporá un paso relevante para avanzar cara a unha administración máis ordenada, eficaz e transparente, ao tempo que permitirá recoñecer de forma máis axeitada o labor desenvolvido polo persoal municipal.