Cascos e chalecos de obra no Pleno de Burela para reclamar a reforma integral do CEIP Vista Alegre

A ANPA do CEIP Vista Alegre de Burela iniciou o seu particular "curso escolar" de mobilizacións para continuar reclamando unha reforma integral do centro. A primeira acción levounos este xoves ata o Pleno municipal, onde representantes das familias acudiron con cascos e chalecos de obra para facer visibles unhas demandas que, segundo lembraron, levan anos trasladando á Administración educativa.
"Levamos anos pedindo estas melloras", sinalaron desde a ANPA. Durante toda a sesión, os representantes das familias permaneceron en silencio como mostra de respecto aos grupos políticos e á institución municipal. A súa intención, explicaron, non era interferir no desenvolvemento do Pleno, senón aproveitar o debate sobre a situación dos colexios e institutos de Burela para lembrar que os problemas do Vista Alegre continúan sen unha solución definitiva.
A presenza das familias coincidiu co debate dunha moción presentada polo BNG na que se reclamaban actuacións no CEIP Vista Alegre, no CEIP Os Castros e no IES O Perdouro. A iniciativa saíu adiante con sete votos a favor, mentres que o PP se abstivo.
A protesta supón un novo capítulo dunha reivindicación que se prolonga desde hai anos. A comunidade educativa xa viña advertindo das carencias existentes nos centros educativos de Burela e da necesidade de acometer investimentos, especialmente no Vista Alegre, onde familias e dirección reclaman que as actuacións puntuais dean paso a unha intervención global.
CINCO ANOS DE RECLAMACIÓNS
No caso do CEIP Vista Alegre, a principal demanda é unha reforma integral do edificio que permita solucionar as deficiencias recollidas pola propia comunidade educativa e trasladadas á Consellería de Educación. As peticións inclúen diferentes actuacións sobre un centro antigo, ademais da cuberta da pista exterior.
As familias levan cinco anos reclamando solucións e nos últimos meses elevaron o ton das súas protestas ante a falta dunha resposta que consideren suficiente. De feito, a ANPA reclamou ao Goberno autonómico un calendario concreto de obras tras cinco anos de peticións, coa intención de coñecer que actuacións se executarán, cando se realizarán e con que financiamento.
A mobilización deste xoves dá continuidade tamén ás protestas desenvolvidas antes do inicio do novo curso, cando as familias intensificaron as súas reivindicacións mentres o Goberno autonómico minimizaba o deterioro do colexio. Agora, os cascos e chalecos empregados no Pleno serviron como símbolo da obra de rehabilitación que reclaman para o Vista Alegre.
RESPOSTA DA ANPA
O debate político deixou ademais unha valoración que provocou a reacción das familias ao remate da sesión. Segundo explicou posteriormente a ANPA, desde o Grupo Mixto manifestouse que non se entendía ben a moción e apuntouse á conclusión de que tanto o equipo directivo como a propia asociación e a comunidade educativa estarían sendo "manipulados".
A ANPA rexeitou esa interpretación e reivindicou o traballo desenvolvido durante estes anos. "Non sei se a cinco anos de traballo e todo o que estamos facendo polos nosos nenos e nenas se lle chama manipulación; nós ao que lle chamariamos sería traballo", responderon tras o Pleno.
Para as familias, a presenza na sesión municipal non responde así a unha cuestión partidista, senón á vontade de manter visible unha problemática pola que levan mobilizándose durante anos. A súa reivindicación céntrase en conseguir que a Consellería de Educación concrete unha actuación integral no colexio e estableza prazos para executala.
OUTROS CENTROS
A moción do BNG ampliaba as demandas ao resto de centros educativos da vila. O tenente de alcaldesa e concelleiro de Educación, Mario Pillado, advertira de problemas relacionados coa accesibilidade, eficiencia enerxética, falta de persoal, filtracións, goteiras e humidades en edificios que, segundo os nacionalistas, apenas recibiron investimentos nos últimos anos.
No CEIP Os Castros, a formación puxo o foco nas goteiras e humidades, especialmente no ximnasio, e reclamou ademais máis persoal coidador e profesionais de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL).
Para o IES O Perdouro, as peticións pasan pola cuberta da pista exterior, a eliminación das barreiras que afectan ás persoas con mobilidade reducida, actuacións que garantan a estabilidade estrutural do edificio e un reforzo dos recursos humanos.
O BNG asegurou tamén que tratou de trasladar directamente estas necesidades aos responsables autonómicos, pero que as súas solicitudes de reunión coa Consellería de Educación non obtiveron resposta. A formación decidiu por iso levar as demandas ao Pleno, defendendo que o obxectivo é comprometer á Administración responsable a actuar.
OUTROS ASUNTOS DO PLENO
A sesión ordinaria abordou tamén a Conta Xeral de 2025 e tres expedientes de recoñecemento extraxudicial de crédito por importes de 341.108,24 euros, 9.070,33 euros e 19.337,55 euros, destinados a regularizar pagamentos pendentes por servizos e subministracións xa realizados.
O expediente de maior contía corresponde principalmente ao Servizo de Axuda no Fogar, á limpeza de edificios municipais e á recollida de lixo e limpeza viaria. Pola súa banda, o de 19.337,55 euros está relacionado coa subministración eléctrica.
O Concello sinalou que traballa paralelamente na actualización da contratación municipal de varios destes servizos. Entre eles atópanse o SAF e a recollida de lixo e limpeza viaria, ademais da regularización da limpeza de interiores e da contratación da subministración eléctrica.