As familias do Vista Alegre esixen á Xunta un calendario de obras tras cinco anos de reclamacións

A paciencia da comunidade educativa do CEIP Plurilingüe Vista Alegre de Burela comeza a esgotarse. Despois de cinco anos de escritos, reunións e reclamacións, as familias consideran insuficiente a resposta da Xunta e reclaman algo que, aseguran, segue sen chegar: un calendario concreto para solucionar as numerosas deficiencias do colexio.
A ANPA solicitou o pasado 1 de agosto á Administración autonómica unha copia íntegra dos informes técnicos sobre infraestruturas, accesibilidade, habitabilidade e estado xeral do centro, así como calquera memoria elaborada pola Unidade Técnica provincial durante os últimos catro anos. Segundo explica a asociación, a resposta recibida contén un único informe, datado en agosto de 2025, é dicir, anterior á extensa memoria que a comunidade educativa presentou en febreiro de 2026.
A contestación das familias á Xunta foi aprobada por unanimidade polo Consello Escolar este 7 de setembro. Nela deixan clara a súa postura: "Non estamos solicitando neste escrito que se nos volva explicar cal é o problema do CEIP Vista Alegre. O problema está sobradamente documentado". O que reclaman agora é coñecer "que sabe a Administración, que valorou, que fixo coa información que lle foi trasladada e, sobre todo, que vai facer a partir de agora".
A PROPIA XUNTA RECOÑECE AS DEFICIENCIAS. O documento remitido por Educación resulta especialmente significativo porque a propia Unidade Técnica recolle que as peticións do centro son "reiterativas desde fai uns anos" e menciona expresamente a demanda dunha rehabilitación integral dos dous edificios. Entre as necesidades enumera ventás, portas de emerxencia, accesibilidade, falsos teitos e luminarias. E vai máis alá ao sinalar a necesidade de substituír a cuberta do edificio 2 porque se atopa en "mal estado xeral".

Este último punto abriu aínda máis interrogantes entre as familias. A ANPA asegura que a substitución desa cuberta non figuraba entre as súas peticións concretas, polo que entende que a necesidade foi detectada polos propios servizos da Administración. Agora esixe saber quen realizou esa valoración, cando se fixo, que implica tecnicamente falar de "mal estado xeral", que prioridade se lle asignou e, sobre todo, cando se pensa actuar.
As familias tamén preguntan se realmente non existe ningún informe posterior a agosto de 2025. En febreiro deste ano entregaron unha memoria de 40 páxinas, elaborada en coordinación coa dirección e o Consello Escolar, na que documentaron con fotografías humidades, filtracións, problemas nos aseos, fugas de auga, barreiras de accesibilidade, deterioro de pavimentos e columnas, deficiencias na carpintería, peches, instalación eléctrica, patios e zonas de xogo, entre outras cuestións.
A ANPA quere saber que fixo Educación con toda esa información e, se non se realizou unha nova avaliación técnica desde entón, reclama que se explique o motivo.
323.148 EUROS DESDE 2009, PERO SEN REFORMA INTEGRAL. O informe da Xunta incorpora tamén unha relación das actuacións realizadas no Vista Alegre entre 2009 e 2025, que cifra nun total de 323.148,96 euros. Entre elas aparecen reparacións, reformas nos aseos, intervencións na cuberta, patios, canlóns, escaleiras ou instalacións eléctricas. Só en 2025 figuran 39.827,15 euros, dos que 34.019,15 corresponden á substitución das luminarias do edificio 2.

Pero para as familias esa sucesión de intervencións puntuais evidencia precisamente que segue pendente unha solución de conxunto. Valoran as melloras realizadas, pero rexeitan que poidan presentarse como resposta suficiente ante unhas deficiencias que afectan aos dous edificios e que a propia documentación autonómica recoñece.
Nas últimas semanas houbo novos traballos. A finais de agosto cambiáronse ventás do comedor e da aula de Pedagoxía Terapéutica e comezou a substitución das portas de emerxencia. Segundo a ANPA, retiráronse as antigas portas dobres dunha das zonas, pero as novas aínda non estaban colocadas.
Tamén se abriu un oco para estudar as humidades na parte orientada cara ao pavillón do instituto. Porén, as familias aseguran que nin a ANPA nin a dirección coñecen os resultados ou conclusións desa comprobación. "Non temos nin tivemos chamadas de Educación en todo este tempo", lamentan.
DEZ DÍAS PARA DAR RESPOSTAS. A asociación reclama agora unha valoración actualizada dos dous edificios e pide que a Xunta especifique que obras considera necesarias, cales son prioritarias, que actuacións están previstas, en que fase administrativa se atopan e que prazo existe para executalas.
Tamén quere saber expresamente se o Vista Alegre está considerado unha prioridade dentro da planificación autonómica de infraestruturas educativas. As familias solicitaron que estas preguntas sexan respondidas por escrito nun prazo máximo de dez días hábiles.

Mentres agardan, xa valoran novas formas de protesta para impedir que as súas reclamacións volvan quedar sen resposta. "Non imos dar por pechada esta cuestión porque se nos remita un informe antigo. Non imos aceptar que as necesidades do centro queden recollidas en documentos administrativos sen que iso se traduza en actuacións", advirten.
O BNG LEVARÁ DE NOVO O CASO AO PARLAMENTO. A presión trasladouse tamén ao ámbito político. O deputado mariñao do BNG Daniel Castro reuniuse coa comunidade educativa acompañado polo tenente de alcaldesa e concelleiro de Educación, Mario Pillado, e pola concelleira Sandra Fernández Cillero. No encontro participaron a presidenta da ANPA, Sara Calvo, e o director, José Manuel Díaz Cabado.
Castro anunciou que volverá levar ao Parlamento as demandas dun colexio con preto de 300 alumnos e acusou o PP de "discriminar" os centros educativos de Burela. "Burela ten que deixar de ser discriminada e a Xunta ten que facer nos centros educativos da vila os investimentos que lle corresponden", afirmou. A reclamación chegou posteriormente a debate parlamentario, onde o PP rexeitou a proposta do BNG para acometer unha rehabilitación integral do CEIP Vista Alegre.
A representación nacionalista reuniuse tamén coa directora do IES Perdouro, María José Pardiñas, para abordar as necesidades dun centro con arredor de 500 estudantes. O BNG sinala problemas de accesibilidade, escaleiras e pavimentos exteriores esvaradíos, ausencia de ascensores, deficiencias estruturais e a necesidade de reparar e cubrir a antiga pista polideportiva exterior.
Pillado avanzou, ademais, que o BNG presentará unha moción no próximo pleno municipal para procurar o respaldo da Corporación ás demandas dos centros.
Pero son as familias do Vista Alegre as que colocan agora unha pregunta moi concreta sobre a mesa da Xunta. Despois de cinco anos de reclamacións e cun informe da propia Administración que recoñece necesidades importantes, xa non queren novas promesas nin respostas xenéricas sobre futuras valoracións. "Cando van entrar as máquinas no CEIP Vista Alegre?", preguntan.