O PP rexeita no Parlamento a proposta do BNG para rehabilitar o CEIP Vista Alegre de Burela

O Parlamento de Galicia rexeitou este venres a proposición non de lei presentada polo BNG para instar á Xunta a acometer unha rehabilitación integral do CEIP Vista Alegre de Burela. A iniciativa non saíu adiante tras o voto en contra do PP, unha decisión que o deputado nacionalista Daniel Castro lamentou ao considerar que o centro continúa acumulando anos de abandono.
Segundo explicou o parlamentario, a proposta respondía ás demandas trasladadas pola dirección do colexio e pola ANPA, que levan anos reclamando actuacións para resolver as deficiencias das instalacións. Castro asegurou que o Concello de Burela executou nos últimos anos diversas melloras nas súas competencias, mentres acusou á Xunta de non asumir as actuacións que lle corresponden.
Durante o debate, o deputado detallou os problemas que presenta o edificio, entre eles humidades e filtracións, aseos deteriorados, fugas de auga, instalación eléctrica obsoleta, pavimentos e elementos estruturais en mal estado, carpintería deteriorada, deficiencias en accesibilidade e seguridade e un peche perimetral sen finalizar. Segundo indicou, algunhas destas incidencias afectan directamente ao desenvolvemento da actividade educativa e ao benestar do alumnado e do profesorado.
O BNG lembrou tamén que a comunidade educativa mantén concentracións semanais desde hai case dous meses para reclamar unha solución e insistiu en que a iniciativa presentada no Parlamento recollía as principais demandas formuladas polo propio centro.
A proposta instaba á Consellería de Educación a elaborar un plan integral que incluíse a reparación das humidades e filtracións, a renovación da instalación eléctrica, a reforma dos aseos e da fontanaría, a mellora da accesibilidade e da seguridade, a substitución da carpintería deteriorada, a reparación dos pavimentos e elementos estruturais, a finalización do peche perimetral, a adecuación dos espazos exteriores e a cubrición da pista deportiva.