A educación da comarca levanta a voz

AMariñaXa
O deterioro dos centros educativos reabre o debate sobre a necesidade de reformas integrais fronte aos pequenos arranxos, nunha comarca onde varios colexios reclaman actuacións para adaptar unhas instalacións con décadas de uso
Burela-Ceip-vista-alegre-manifestacion-educacion-2
11 Aug 2026

Por Ana Somoza.

O CEIP Vista Alegre de Burela leva anos reclamando unha actuación que vaia máis alá das reparacións puntuais. A comunidade educativa considera que o estado actual do edificio require unha intervención integral e, ante a falta dunha resposta definitiva, decidiu impulsar mobilizacións para visibilizar unha situación que, segundo a presidenta da ANPA, Sara Calvo, “leva demasiado tempo expresándose a través do diálogo, dos escritos e das reunións”.

A responsable da asociación explica que tanto a ANPA como a dirección do centro traballaron durante anos pola vía institucional, elaborando informes e trasladando á Administración unha relación detallada das deficiencias existentes. “Presentamos escritos, fixemos unha memoria acompañada de fotografías e da normativa que xustifica as nosas demandas”, sinala. Porén, ante a ausencia dunha solución global, o Consello Escolar decidiu dar un paso adiante para defender “o dereito do alumnado a estudar nunhas instalacións dignas, seguras e adaptadas ás necesidades educativas actuais”.

DEFICIENCIAS. Segundo Sara Calvo, o problema principal é que o centro “xa non necesita pequenos arranxos, senón unha rehabilitación integral”. O edificio, con máis de catro décadas de antigüidade, acumula diferentes problemas que afectan ao día a día do alumnado e do profesorado.

Entre as cuestións máis destacadas están as humidades e filtracións, o deterioro dos baños, as ventás e persianas danadas, unha instalación eléctrica antiga, problemas de accesibilidade, gretas, pavimentos deteriorados e unha pista deportiva sen cubrir. Esta última circunstancia provoca, especialmente nos días de choiva, que moitos recreos teñan que desenvolverse dentro das aulas.

Pero a preocupación da comunidade educativa vai máis alá do desgaste propio dun edificio antigo. Calvo incide especialmente nos aspectos relacionados coa seguridade e coa accesibilidade. “Un colexio debe ser un espazo seguro”, afirma, lembrando que o edificio principal conta con tres plantas e non dispón dun ascensor operativo que permita garantir a mobilidade de todas as persoas que forman parte da comunidade educativa.

Tamén reclama revisar o Plan de Autoprotección do centro e garantir que as instalacións cumpren as condicións necesarias para unha correcta evacuación. Ao seu xuízo, estas cuestións “non poden depender de solucións temporais ou de pequenos arranxos”.

APOIO. As mobilizacións realizadas nas últimas semanas recibiron, segundo a presidenta da ANPA, unha resposta moi positiva por parte da veciñanza e da comunidade educativa. “O Vista Alegre é moito máis ca un edificio, é unha gran familia”, destaca.

Sara Calvo asegura que sentiron o apoio das familias, do profesorado, do equipo directivo, dos antigos alumnos, dos avós e avoas e de moitas persoas que, aínda sen acudir ás concentracións, trasladaron a súa solidariedade. “Hai días difíciles, pero saber que non estamos sós danos forza para seguir loitando”, explica.

A presidenta da ANPA tamén vive esta situación desde unha perspectiva persoal, xa que foi alumna do centro cando acababa de inaugurarse. Lembra aquel momento como o dun colexio novo e moderno, polo que recoñece que lle produce “tristeza e preocupación” comprobar que o mesmo edificio non recibiu co paso dos anos as intervencións necesarias.
“Non é nostalxia, é ver que este colexio nos deu moito e agora necesita que lle devolvamos coidado e respecto”, sinala.

REFORMA. A petición da comunidade educativa é clara: unha rehabilitación integral que permita adaptar o centro ás necesidades actuais. Sara Calvo explica que durante anos se realizaron actuacións concretas para solucionar problemas urxentes, pero considera que “non resolven o problema de fondo”.

A situación empeorou, segundo relata, tras coñecerse o rexeitamento no Parlamento dunha proposta para impulsar a reforma. “Recibimos esa noticia con moita decepción e tristeza, porque os problemas seguen estando aí cada día”, afirma.

Con todo, asegura que esa decisión non freará a reivindicación. As familias, di, continúan unidas e convencidas de que a demanda é xusta. “Hai preocupación e enfado, pero sobre todo unión”, explica, destacando que ese apoio reforzou a vontade de continuar.

COMPROMISO. Desde a ANPA recoñecen algunhas actuacións realizadas pola Administración, como a substitución de luminarias no edificio número dous ou a reparación de canlóns deteriorados. Tamén mencionan o cambio previsto de cinco ventás no comedor e na aula de Pedagoxía Terapéutica.

Porén, consideran que estas medidas son insuficientes. “Necesitamos unha folla de ruta real, con planificación, prazos e unha intervención global”, reclama Calvo. Tamén cuestiona que problemas como as humidades estean completamente solucionados, xa que asegura que “a auga segue saíndo polo mesmo sitio”. A súa petición á Consellería de Educación é que visite o centro e comprobe directamente a situación. “Que vexan cos seus propios ollos o estado real do colexio e que escoiten ao profesorado, ao equipo directivo e ás familias”, solicita.

FUTURO. A chegada do verán supuxo unha pausa nas concentracións, pero non na reivindicación. A ANPA continuará mantendo reunións, buscando apoios e preparando novas accións para o inicio do curso. “O verán é simplemente unha pausa nas mobilizacións, non no noso compromiso”, resume.

Malia as dificultades, Sara Calvo insiste en destacar os valores do CEIP Vista Alegre: un centro con profesorado implicado, familias participativas e alumnado que mantén viva a actividade educativa. Precisamente por iso considera necesario actuar canto antes. “Cada ano que pasa sen unha intervención real fai que os problemas se agraven”, advirte. Pero máis alá do custo económico, destaca unha consecuencia que considera máis importante: “o tempo”. “Os cursos pasan, os nenos e nenas medran e a infancia non espera”, conclúe.

A presidenta da ANPA lembra ademais que a reivindicación non pretende cuestionar o valor do traballo que se realiza cada día no centro, senón reclamar unhas condicións acordes coa importancia do labor educativo. “Temos un profesorado marabilloso, un equipo directivo implicado e unhas familias que participan e se preocupan”, destaca. Precisamente por esa implicación da comunidade educativa, considera que o colexio merece contar cunhas instalacións á altura do proxecto que desenvolve. Para Sara Calvo, investir no Vista Alegre é tamén investir no futuro de Burela e garantir que as novas xeracións poidan medrar nun espazo seguro, accesible e preparado para os retos educativos actuais.

A comunidade educativa agarda agora que a mobilización permita abrir unha nova etapa de diálogo e que se traduza nun compromiso concreto: un proxecto definido, un calendario e unha partida económica que permita que o Vista Alegre teña as instalacións que, segundo defenden as familias, merece.

OUTROS CENTROS

A situación do CEIP Vista Alegre de Burela non é un caso illado na Mariña lucense. Outros centros educativos da comarca levan anos trasladando ás administracións problemas relacionados co estado dos edificios, a accesibilidade e a necesidade de actuacións que vaian máis alá das reparacións puntuais

No CEIP O Vicedo, o principal problema céntrase no estado das ventás dos edificios máis antigos, mentres que en A Pontenova o Concello reclama unha actuación integral para renovar un colexio que acumula medio século de funcionamento sen reformas estruturais de importancia.

Desde o CEIP O Vicedo explican que as fiestras son actualmente a maior carencia do centro. Segundo indican, algunhas están deterioradas e permiten a entrada de auga nalgunhas aulas, provocando problemas de humidade. A pesar das actuacións realizadas no interior das instalacións, como traballos de pintura, a situación volve repetirse porque os peches actuais non ofrecen un illamento adecuado.

O centro lembra que os dous edificios afectados teñen arredor de cen anos e que presentan importantes diferenzas fronte á parte máis moderna do colexio, onde as ventás xa foron renovadas. Esta situación provoca contrastes de temperatura entre os distintos espazos, dificultando o confort do alumnado e do profesorado. Desde o colexio consideran que a substitución das ventás debería ser unha actuación prioritaria, xa que permitiría mellorar tanto as condicións das aulas como a conservación do propio edificio.

A comunidade educativa sinala que non se trata dunha intervención puntual para cambiar algunhas unidades danadas, senón dun problema estrutural que require unha solución global. Ao seu xuízo, manter as actuais ventás antigas seguirá xerando humidades e outras dificultades no funcionamento diario do centro.

Pola súa banda, o alcalde da Pontenova tamén mostrou a súa preocupación polo estado do CEIP do municipio e pola falta, polo momento, dun proxecto definido para acometer unha reforma de maior alcance. O rexedor explicou que trasladou esta necesidade á Xunta durante a visita do delegado territorial e defendeu que o colexio precisa algo máis que pequenas melloras.

Segundo indicou, trátase dun edificio con 50 anos de antigüidade que require unha reforma integral para adaptarse ás necesidades actuais. Desde a Administración autonómica sinalouse a dificultade de executar este ano unha actuación de gran dimensión, aínda que existiría o compromiso de realizar intervencións concretas, como a mellora dos baños, aseos e algunhas ventás.

O alcalde considera insuficientes estas actuacións illadas e insiste en que o centro precisa unha renovación profunda que permita garantir o seu funcionamento durante as próximas décadas. Ademais, lembra a forte vinculación emocional da veciñanza co edificio, polo que varias xeracións pasaron polas súas aulas sen que se acometesen cambios estruturais relevantes.

 

0.14552903175354