O BNG leva ao pleno as deficiencias dos centros educativos de Burela e esixe investimentos ao Goberno autonómico

Foz
AMariñaXa
A moción reclama unha reforma integral do CEIP Vista Alegre, solucións ás goteiras e humidades dos Castros e melloras de accesibilidade, seguridade e persoal no IES O Perdouro
BNG-burela-Mario-Pillado--Sandra-Fernández
17 Sep 2026

O BNG de Burela levará ao pleno ordinario de setembro unha moción sobre a situación dos centros educativos da vila, na que reclama ao Goberno autonómico actuacións para solucionar unhas deficiencias que, segundo denuncia a formación, se repiten desde hai anos sen que a Consellería de Educación lles dea resposta.

A iniciativa foi presentada polo tenente de alcaldesa e concelleiro de Educación, Mario Pillado, despois de que representantes nacionalistas visitasen novamente os centros e mantivesen encontros coa comunidade educativa. As demandas afectan principalmente ao CEIP Vista Alegre, CEIP Os Castros e IES O Perdouro e inclúen desde obras de rehabilitación ata melloras de accesibilidade e incremento de persoal.

"A realidade dos nosos centros é a da falta de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida, problemas de eficiencia enerxética, problemas de persoal, filtracións, goteiras, humidades... en edificios xa antigos e que apenas levaron investimentos", sinalou Pillado.

Unha reforma integral para o Vista Alegre

No caso do CEIP Vista Alegre, o BNG reclama unha reforma integral que permita abordar as deficiencias recollidas no informe que a propia comunidade educativa trasladou á Consellería de Educación. Entre as peticións figura tamén a cuberta da pista exterior.

As demandas no IES O Perdouro pasan igualmente por cubrir a pista exterior, unha actuación que, segundo os nacionalistas, leva anos reclamándose. A formación engade a necesidade de eliminar as barreiras que afectan ás persoas con mobilidade reducida, acometer obras que garantan a estabilidade estrutural do edificio e reforzar o persoal do instituto.

Pola súa banda, a concelleira Sandra Fernández Cillero puxo o foco no CEIP Os Castros, onde asegura que continúan os problemas de goteiras e humidades nos diferentes edificios, especialmente no ximnasio, unha situación que dificultaría o desenvolvemento normal das clases.

A estas deficiencias súmanse as demandas de máis persoal coidador e profesionais de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL).

"En días pasados volvemos novamente aos centros e desde alí a comunidade educativa fíxonos chegar as mesmas demandas que noutras ocasións, porque seguen sen resolver", explicou Pillado.

O BNG asegura que Educación non respondeu ás súas peticións de reunión

Os edís nacionalistas sosteñen que intentaron trasladar estas necesidades directamente aos responsables autonómicos, pero aseguran que as solicitudes de reunión realizadas á Consellería de Educación non obtiveron resposta.

Ante esta situación, decidiron levar as reivindicacións ao pleno municipal. "Para dar solucións aos problemas do ensino en Burela e comprometer a quen se ten que comprometer presentamos esta moción", explicaron Pillado e Fernández Cillero.

O BNG endurece ademais as súas críticas ao Goberno autonómico e considera que deberá explicar por que, ao seu xuízo, Burela non está recibindo os investimentos educativos que necesita. Neste sentido, recollen a mensaxe trasladada por representantes das familias e das direccións dos centros: "Non queremos ser máis ca outros colexios e institutos doutros concellos, pero tampouco menos".

Daniel Castro traslada as reivindicacións ao Parlamento

As demandas terán tamén percorrido no Parlamento de Galicia. O deputado mariñao do BNG Daniel Castro, que a pasada semana visitou os centros educativos xunto con Mario Pillado e Sandra Fernández e se reuniu coa comunidade educativa, rexistrou diferentes iniciativas para trasladar á Cámara autonómica as mesmas reivindicacións recollidas na moción municipal.

Castro reclama ao Goberno autonómico a reforma integral do CEIP Vista Alegre, a construción da cuberta da pista exterior do IES O Perdouro e actuacións neste instituto para mellorar a accesibilidade e garantir a estabilidade estrutural do inmoble.

As iniciativas parlamentarias inclúen tamén a solución das humidades e goteiras do CEIP Os Castros e un reforzo dos cadros de persoal dos centros educativos burelaos.

O BNG considera que esta última cuestión debe abordarse tendo especialmente en conta a diversidade e multiculturalidade da comunidade educativa de Burela, e anuncia que, ademais da proposición non de lei, formulará preguntas tanto no pleno do Parlamento como nas comisións correspondentes para reclamar respostas ao Goberno autonómico.

0.14933514595032