Xove contará con 585 metros de novas sendas peonís cun investimento de case 400.000 euros

A estrada LU-862 ao seu paso por Xove contará con 585 metros de novos itinerarios peonís grazas a un proxecto que tamén contempla a mellora paisaxística da glorieta de Parceiros. A intervención suporá un investimento próximo aos 400.000 euros e permitirá dar continuidade ás beirarrúas existentes, reforzando a seguridade das persoas que se desprazan a pé por esta vía.
O Consello da Xunta tomou razón da aprobación definitiva do proxecto construtivo, cuxa licitación está prevista para os próximos meses. O primeiro dos itinerarios terá unha lonxitude de 120 metros e situarase nas proximidades do polígono industrial de Xove. Este tramo conectará a beirarrúa actual coa estrada de acceso aos lugares de Camba e Fontaelo.
O segundo percorrido estenderase ao longo de 465 metros á saída do núcleo urbano en dirección a San Cibrao. A nova senda prolongará a beirarrúa existente ata unha pista forestal. Os dous tramos terán, con carácter xeral, dous metros de ancho e contarán cun pavimento de formigón en cor ocre.
O proxecto completarase coa intervención na glorieta de Parceiros, onde se levará a cabo unha mellora paisaxística seguindo unha estética semellante á aplicada na rotonda de Beltrán. A finalidade é favorecer a integración deste espazo na contorna e mellorar a imaxe dos accesos.
Todas as actuacións desenvolveranse en terreos de dominio público, polo que non será necesario realizar expropiacións. A intervención enmárcase na aposta autonómica por reforzar a mobilidade peonil e ofrecer desprazamentos máis seguros.
O calendario previsto contempla licitar proximamente os traballos, coa intención de adxudicalos e iniciar a súa execución ao longo de 2027. O prazo establecido para completar as obras será de seis meses.