Xove solicita melloras na LU-862, unha nova senda peonil e máis vivendas sociais

AMariñaXa
Demetrio Salgueiro trasladou á conselleira María Martínez Allegue varias necesidades do municipio, entre elas actuacións na Avenida da Deputación e a rehabilitación de catro antigas vivendas dos mestres
Demetrio-Salgueiro-PP-Xove-2023--7
11 Aug 2026

O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, mantivo unha reunión coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, para abordar diferentes actuacións que o Concello considera necesarias en materia de estradas, mobilidade peonil e vivenda.

Unha das principais peticións trasladadas polo rexedor está relacionada coa Avenida da Deputación e coa estrada LU-862 ata O Castelo. Salgueiro explicou que existen diferentes imperfeccións no firme e solicitou o seu acondicionamento, ademais de reclamar unha intervención inmediata sobre a sinalización horizontal no núcleo urbano.

En concreto, o alcalde considera prioritario repintar os pasos de peóns da Avenida da Deputación por motivos de seguridade viaria, así como renovar as marcas das zonas de estacionamento, actualmente moi desgastadas. Esta actuación serviría como medida máis inmediata á espera dun proxecto previsto para o centro urbano de Xove de cara ao próximo ano.

Outro dos asuntos abordados foi a creación dunha senda peonil á saída de Xove en dirección a Cervo. A proposta municipal contempla acondicionar un itinerario pola marxe esquerda da estrada, desde as beirarrúas existentes no núcleo ata un camiño situado antes da gasolineira.

Salgueiro destacou que se trata dunha zona frecuentada habitualmente por persoas que saen camiñar e pola que tamén discorre o Camiño do Mar. Na actualidade, segundo explicou, os peóns teñen que utilizar unha beiravía de dimensións reducidas ou transitar por un pequeno sendeiro aberto no monte polo propio paso continuado das persoas.

O Concello considera que a construción deste itinerario permitiría mellorar notablemente a seguridade dos desprazamentos a pé e dar continuidade aos percorridos peonís desde o centro de Xove. Na mesma reunión, o alcalde solicitou tamén o acondicionamento da rotonda de acceso á localidade desde Parceiros, a primeira que se atopa ao chegar desde Viveiro.

A vivenda foi outro dos eixos do encontro. Salgueiro e Martínez Allegue analizaron a posibilidade de rehabilitar as antigas vivendas dos mestres para incorporalas ao parque municipal de alugueiro social.

A intención do Concello é preparar un proxecto e concorrer á próxima convocatoria de axudas destinada ao acondicionamento de inmobles municipais. O obxectivo pasa por reformar catro destas vivendas, que precisan dunha intervención importante, para destinalas posteriormente a alugueiro social.

Deste xeito, Xove podería ampliar a súa oferta pública neste ámbito. O municipio conta actualmente con sete vivendas en réxime de alugueiro social e, de saír adiante esta actuación, incorporaría outras catro, elevando a once o número de inmobles dispoñibles.

0.13348913192749