Trabada renova un local veciñal cun investimento de preto de 35.000 euros

AMariñaXa
O Concello acomete melloras no edificio e na súa contorna para reforzar os espazos de encontro das parroquias
centro-social-vilapena-trabada-melloras-2026
30 Jun 2026

O Concello de Trabada vén de completar as obras de acondicionamento dun local veciñal do municipio, unha actuación na que investiu preto de 35.000 euros co obxectivo de modernizar estas instalacións e ofrecer á veciñanza un espazo máis funcional e adaptado ás súas necesidades.

Os traballos executados incluíron o pintado integral da fachada exterior e do interior do edificio, o hormigonado da zona destinada ao aparcamento e o peche parcial do porche exterior, actuacións que permiten mellorar tanto a conservación do inmoble como a súa comodidade e utilización diaria.

O alcalde de Trabada, Ruben Garcia Freije, destacou que estas intervencións forman parte da liña de actuación impulsada polo Goberno local para renovar os espazos públicos das distintas parroquias. “Continuamos a mellorar os locais das nosas parroquias e os espazos públicos para seguir acondicionando estes lugares para a nosa veciñanza”, sinalou o rexedor.

Desde o Concello explican que este tipo de investimentos buscan manter en boas condicións os inmobles municipais destinados á actividade social, favorecendo que continúen sendo puntos de encontro para a celebración de reunións, actos e diferentes iniciativas impulsadas polos colectivos locais.

O executivo municipal asegura que seguirá desenvolvendo actuacións deste tipo en diferentes puntos do municipio, coa finalidade de conservar, modernizar e mellorar os espazos de convivencia, contribuíndo a ofrecer unhas instalacións máis cómodas, seguras e adecuadas para o uso da cidadanía.

0.12122416496277