Trabada inicia a renovación do teleclub de Vilapena cun investimento próximo aos 35.000 euros

AMariñaXa
As actuacións inclúen melloras no edificio, a adecuación da zona exterior e a modernización dun espazo de uso social para a veciñanza
reforma-teleclub-vilapena-trabada-2026
8 Jun 2026

O Concello de Trabada vén de poñer en marcha as obras de reforma do teleclub de Vilapena, unha actuación que contará cun investimento de case 35.000 euros e que ten como obxectivo mellorar as condicións dun dos espazos de encontro e participación da parroquia.

Os traballos xa comezaron e contemplan distintas intervencións tanto no interior como no exterior das instalacións. Entre as actuacións previstas figura o pintado completo do edificio, unha medida destinada a renovar a súa imaxe e contribuír á conservación das dependencias.

O proxecto tamén inclúe o peche parcial do porche anexo, unha mellora que permitirá incrementar a funcionalidade deste espazo e ampliar as posibilidades de uso ao longo de todo o ano. Ademais, executarase a pavimentación con formigón da explanada situada na zona de aparcamento, co fin de facilitar o acceso e mellorar as condicións da contorna.

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, destacou que estas actuacións forman parte da liña de investimentos impulsada polo Concello para actualizar os locais sociais e os espazos públicos das distintas parroquias do municipio. Segundo indicou, o propósito é que a veciñanza dispoña de instalacións máis cómodas, modernas e adaptadas ao desenvolvemento de actividades comunitarias, formativas e culturais.

Desde o goberno local sinalan que esta intervención permitirá reforzar o papel do teleclub como punto de encontro para os habitantes da parroquia, ao tempo que contribúe á conservación e posta en valor das infraestruturas de uso colectivo existentes no rural.

0.12426900863647