Trabada impulsa a renovación do teleclub de Vilaformán cun novo investimento de preto de 21.000 euros

AMariñaXa
Os traballos de mellora exterior completarán a rehabilitación do edificio e o Concello anuncia ademais a próxima reforma do teleclub da Vilapena
Vilaforman-Trabada-obras-teleclub
3 Jun 2026

O Concello de Trabada continúa avanzando no seu plan de modernización dos espazos sociais das parroquias coa posta en marcha dunha nova actuación no teleclub de Vilaformán. Os traballos xa están en marcha e inclúen o pintado exterior do inmoble, así como a colocación de canalóns e baixantes, cun investimento próximo aos 21.000 euros.

Esta intervención forma parte do programa municipal destinado á mellora dos locais de uso veciñal, co obxectivo de conservar e actualizar os edificios que funcionan como puntos de encontro e convivencia nas distintas parroquias do municipio.

Coa execución destas obras, o teleclub de Vilaformán verá completado o seu proceso de renovación, despois da reforma integral do interior levada a cabo hai uns anos. O resultado será un espazo completamente acondicionado e adaptado ás necesidades actuais da veciñanza, mellorando tanto a súa funcionalidade como a súa imaxe exterior.

O alcalde de Trabada, Rubén García Freije, destacou a importancia deste tipo de investimentos para fortalecer a vida social das parroquias. Segundo sinalou, o Concello mantén o seu compromiso coa mellora das infraestruturas públicas e coa creación de espazos máis cómodos e atractivos para o uso dos veciños e veciñas.

Desde o goberno local explican que esta actuación terá continuidade noutras zonas do municipio. De feito, nas próximas semanas está previsto o inicio das obras de reforma no teleclub da Vilapena, dando así continuidade a unha estratexia orientada á conservación e modernización dos equipamentos sociais repartidos polo territorio.

O Concello subliña que estas intervencións buscan reforzar os lugares destinados á convivencia e á participación cidadá, contribuíndo a manter activos os núcleos rurais e favorecendo a dinamización da vida comunitaria nas parroquias de Trabada.

0.11859107017517