Seis medallas impulsan ao Club Remeros del Eo antes do Campionato Nacional

AMariñaXa
A entidade asinou en Navia dous ouros e catro pratas no Campionato de Asturias de Remo Olímpico
VEGADEO remo
28 Jun 2026

O Club Remeros del Eo completou unha destacada actuación no Campionato de Asturias de Remo Olímpico, celebrado este sábado en Navia para as categorías benxamín, alevín, infantil e veterano. A entidade competiu cun total de sete botes e regresou cun balance de seis medallas: dous ouros e catro pratas.

Os triunfos chegaron da man de Sabela Pinto, que se proclamou vencedora no skiff benxamín, e de Noel Rodríguez, que fixo o propio no skiff alevín. Ambos confirmaron o bo momento da canteira do club con dúas actuacións que lles permitiron subir ao máis alto do podio.

As medallas de prata foron para Álvaro Fernández no skiff benxamín, para o dobre scull formado por Alejandro González e Hugo Fernández, e para o catro scull mixto infantil integrado por Ángela Regodeseves, Andrea Martínez, Miguel Álvarez e Javier Ferreiro. Tamén conseguiu a prata Yolanda Alzu na categoría veterana, na modalidade de skiff.

Ademais, Adrián Sarmiento rematou na quinta posición no skiff infantil, completando a participación do club na cita asturiana.

Tras estes resultados, o Club Remeros del Eo afronta agora unha nova proba de alto nivel. A próxima fin de semana desprazarase a Sevilla para competir no campionato nacional destas categorías.

0.12606716156006