Retiran dúas pasarelas peonís sobre o río Eo e reclaman que se repoñan

AMariñaXa
As estruturas foron desmontadas polo seu deterioro e non está prevista a súa recuperación, unha decisión que lamentan pescadores e entidades da zona polo servizo que prestaban a usuarios do río e visitantes
piago-Mayor-san-tirso-de-abres-pasarela-foto-de-Miguel-L.-V.M.
Fotografía de Miguel L.-V.M.
18 Nov 2026

A Confederación Hidrográfica do Cantábrico retirou dúas pasarelas peonís situadas sobre o río Eo, nos pasos de Piago Mayor e Estreitos, debido ao seu estado de deterioro. Segundo trasladan os axentes ambientais, non está prevista a reposición das estruturas, unha decisión que suscita críticas entre usuarios habituais da zona e representantes locais, que consideran que estes pasos seguían tendo unha importante utilidade.

As dúas instalacións tiñan características diferentes. A pasarela do couto de Estreitos era unha estrutura de madeira restaurada entre 1994 e 1996. Xa permanecía precintada e fóra de uso despois de que un dos cables de tensión se fracturase durante anteriores episodios de crecida do río.

Pola súa banda, o paso de Piago Mayor, situado nun histórico couto salmoneiro, era utilizado por pescadores e persoas que percorrían a zona a pé. A estrutura fora restaurada arredor de 1998 mediante a instalación dunha pasarela metálica e permitía conectar San Tirso de Abres con Trabada, na marxe galega do Eo.

Ademais do seu uso por parte dos pescadores e dos visitantes, estes pasos tamén resultaban útiles para os servizos relacionados coa actividade pesqueira e para as tarefas de vixilancia da central eléctrica. A súa retirada supón, polo tanto, a desaparición de dúas infraestruturas que facilitaban os desprazamentos e o acceso a distintos puntos do río.

Desde o Centro de Iniciativas Turísticas de A Pontenova consideran que a perda deste servizo repercute nas posibilidades de uso e aproveitamento da contorna. "Cando quitan un servizo que é útil perdemos dereitos", sinalan.

Tamén hai malestar entre pescadores de A Pontenova que frecuentan o Eo, que destacan a función que cumprían as pasarelas para desprazarse entre os coutos. "Servía para pasar dun couto a outro", explican. Os usuarios cuestionan, ademais, que a falta de mantemento acabase levando á retirada das instalacións. "Sen mantemento non hai nada, todo remata. Estas dúas pasarelas eu creo que nunca lles fixeron nada de mantemento. Parécenos penoso que por non manter as instalacións haxa que quitalas", lamentan.

Desde o Concello de Trabada entenden que a retirada responde á necesidade de garantir a seguridade, ao non reunir xa as estruturas as condicións adecuadas. Porén, defenden que deberían ser substituídas por outras que permitan recuperar o servizo que prestaban. "Eu podo entender que se teñan que retirar, porque non teñen as condicións de seguridade adecuadas. Pero si que se deberían repoñer, porque, ao final, é algo que ten moita utilidade, precisamente para pescadores, turistas e veciños", sinalan.

O goberno local tamén pon o foco na conexión entre os dous municipios e no aproveitamento turístico dos itinerarios da zona. "Ademais, está esa ruta que compartimos, que máis ben vai de San Tirso á Pontenova, pero tamén pasa un pouquiño por Trabada, pola ruta do ferrocarril. Así que, desde logo, o ideal sería que as repoñesen, porque, como digo, teñen a súa utilidade", engaden.

A retirada destas dúas pasarelas prodúcese nun contexto no que aínda quedan outras dúas estruturas sobre o río Eo que presentan un deterioro notable. A situación volve poñer sobre a mesa a importancia do mantemento das infraestruturas para evitar que a súa degradación acabe facendo necesaria a súa eliminación.

0.15381693840027