Portos de Galicia reforza o dique de abrigo de Burela cun investimento de 1,8 millóns de euros

AMariñaXa
A actuación permitirá mellorar a protección da infraestrutura fronte ao impacto do mar e garantir unha maior seguridade para a actividade pesqueira e comercial
porto-de-burela
28 Jul 2026

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, avanza nas obras de reforzo do dique de abrigo do porto de Burela, unha actuación na que inviste 1,8 millóns de euros co obxectivo de incrementar a resistencia da infraestrutura fronte aos temporais e adaptala ás previsións de aumento do nivel do mar de cara ao ano 2100.

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, visitou o desenvolvemento dos traballos, que contan cun prazo de execución de 22 meses e está previsto que conclúan durante o primeiro trimestre de 2027.

Na actualidade xa se completou a fabricación dos 160 bloques de formigón que servirán para consolidar o dique. Estas pezas, de tres metros de lado e cun peso de 56 toneladas cada unha, permanecen acopiadas no porto á espera de iniciar a súa instalación nos próximos días.

A intervención céntrase nas zonas máis afectadas pola acción do mar, onde se produciron desprendementos e perdas de estrutura debido aos temporais. Aproximadamente a metade dos bloques colocaranse desde terra, mentres que para instalar o resto será preciso empregar unha pontona e unha grúa de gran capacidade, superior ás 500 toneladas, capaz de operar desde o mar.

Segundo destacou a titular de Mar, esta mellora permitirá reforzar a seguridade e a operatividade dun porto estratéxico para Galicia, no que operan arredor dun cento de embarcacións e que figura entre os principais peiraos autonómicos en volume de descarga de peixe fresco. Ademais, o porto burelés lidera a comunidade en valor económico das vendas de peixe.

As obras tamén beneficiarán ao tráfico comercial do recinto portuario, facilitando as operacións de carga e descarga dos buques mercantes, especialmente os dedicados ao transporte de madeira, e mellorando as condicións de traballo dos profesionais que desenvolven a súa actividade diaria nestas instalacións.

0.10567903518677