Por Viveiro propón habilitar prazas de estacionamento reservadas xunto ás farmacias

O Grupo Municipal de Por Viveiro levará ao pleno da corporación unha proposta para estudar a creación de prazas de estacionamento específicas nas inmediacións das farmacias do municipio. A iniciativa busca facilitar o acceso dos usuarios a estes establecementos, especialmente en casos nos que a rapidez resulta fundamental.
O concelleiro Bernardo Fraga Galdo defende que a recollida de medicamentos é unha necesidade habitual para moitos veciños e veciñas, e lembra que en determinadas franxas horarias resulta complicado atopar un lugar onde estacionar preto dalgunhas oficinas de farmacia, sobre todo nas zonas máis concorridas do municipio.
Desde a formación sinalan que outras localidades da contorna xa implantaron sistemas deste tipo, reservando espazos de estacionamento de curta duración destinados exclusivamente ás persoas que precisan acudir á farmacia. Segundo explican, esta medida contribúe a mellorar a accesibilidade e a axilizar trámites que, en ocasións, están relacionados con situacións de urxencia ou coa atención a persoas maiores e con problemas de mobilidade.
A proposta presentada ao pleno solicita ao equipo de goberno que analice a viabilidade de habilitar estas prazas nas proximidades das farmacias situadas principalmente no centro urbano de Viveiro e na zona de Covas. Ademais, plantexa que os espazos estean debidamente identificados mediante sinalización horizontal e vertical específica para garantir o seu correcto uso.
Por Viveiro considera que esta actuación suporía unha mellora práctica para a cidadanía e permitiría dar resposta a unha demanda relacionada coa mobilidade e o acceso a un servizo esencial como é a atención farmacéutica.