O Vicedo prepara un novo contrato para xestionar o Centro de Día

O Concello do Vicedo prepara unha nova licitación para a xestión do Centro de Día despois de que os dous procedementos anteriores quedasen desertos ao non recibir ofertas. O alcalde, Jesús Novo, explicou que o Goberno local está estudando modificar as condicións do contrato para intentar facelo máis atractivo para as empresas interesadas.
Novo sinalou que xa mantivo conversas con tres empresas co obxectivo de coñecer as súas condicións e analizar que cambios poderían introducirse no novo prego. "Vamos a darlle outra volta, vamos sacar outro pliego en outras condicións", explicou o rexedor, que recoñeceu que a situación obriga a estudar outra fórmula despois de que as dúas primeiras licitacións non recibisen propostas.
Un dos aspectos que condiciona o futuro contrato é o número de prazas que o Concello pode asumir. Segundo indicou o alcalde, a previsión actual contempla oito prazas que serían asumidas polo propio Concello, xa que ampliar esa cifra suporía un custo que, segundo explicou, podería resultar inasumible para as arcas municipais.
O obxectivo agora é reformular o procedemento para conseguir que algunha empresa se interese pola xestión do servizo e permita poñer en funcionamento o Centro de Día.
Mentres tanto, o Concello continúa con outras actuacións relacionadas cos equipamentos municipais. O alcalde informou de que están a piques de rematar os traballos de pintura das fachadas das escolas de Folgueiro e San Román, unha intervención coa que se está a mellorar o aspecto exterior destes centros.
Ademais, xa comezaron os traballos para a creación dunha pista multideporte no colexio. A actuación permitirá dotar o centro educativo dun novo espazo destinado á práctica deportiva.
Estas actuacións forman parte das intervencións que o Concello está a desenvolver nos seus equipamentos, mentres continúa á procura dunha solución para a posta en marcha do Centro de Día, un servizo que xa afrontou dous procesos de contratación sen que ningunha empresa presentase oferta.