O Vicedo queda sen ofertas para xestionar o novo centro de día tras dúas licitacións

AMariñaXa
O Concello reabre o proceso tras quedar deserto de novo un contrato valorado en máis de 1,1 millóns de euros
centro-de-dia-o-vicedo
5 May 2026

O Concello do Vicedo volveu atoparse sen propostas para a posta en marcha e xestión do novo centro de día, situado nas antigas instalacións da Casa do Mar, despois de que a segunda licitación tamén quedase deserta. Trátase dun proceso que xa fracasara nunha primeira convocatoria, a pesar de contar cun orzamento que supera os 1,2 millóns de euros.

Segundo explica o goberno local, durante o procedemento chegou a haber interese por parte de tres empresas, algunha delas mesmo contactou co Concello para solicitar información e valorar a posibilidade de visitar as instalacións. O alcalde do Vicedo recoñece certa sorpresa e mesmo escepticismo tras o resultado desta segunda tentativa, tendo en conta que as empresas dispoñían dun prazo de 30 días naturais, desde o pasado 27 de marzo, para presentar as súas propostas nunhas condicións que foron melloradas respecto á primeira convocatoria. A pesar diso, o proceso volveu quedar sen concorrentes.

O proxecto prevé a creación dun centro de día con capacidade para 35 prazas, aínda que a posta en funcionamento inicial podería realizarse cun número máis reducido de usuarios, arredor de 20 persoas. O obxectivo deste servizo é ofrecer atención asistencial básica, contribuír á conciliación das familias e favorecer a autonomía persoal das persoas usuarias.

O contrato contempla unha duración inicial de tres anos, cun orzamento total de 1.195.412,40 euros, IVE incluído. Ademais, inclúe a posibilidade de dúas prórrogas anuais, o que elevaría o valor global do servizo ata aproximadamente 2,1 millóns de euros se se executa na súa totalidade.

En canto ás tarifas previstas, establécense diferentes modalidades en función da intensidade do servizo. A xornada completa con manutención fíxase en 44,50 euros diarios, o que supón uns 921,25 euros ao mes. A media xornada con almorzo ou merenda e comida establécese en 24 euros ao día, arredor de 492 euros mensuais. Pola súa parte, a opción sen manutención sitúase en 21,50 euros diarios, aproximadamente 440,75 euros ao mes. Ademais, o servizo de transporte terá un custo adicional de 60 euros mensuais.

0.14108896255493