O TACGal obriga ao Concello de Burela a corrixir os pregos da licitación do SAF tras o recurso de CCOO

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) deu a razón a CCOO do Hábitat no recurso presentado contra a licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Burela e obriga ao Concello a corrixir os pregos. A resolución, asinada o 17 de setembro, esgota a vía administrativa e cuestiona a falta de detalle das magnitudes económicas incluídas na documentación do procedemento.
A decisión chega despois de que o Concello defendese hai uns días a necesidade de agardar polo pronunciamento do tribunal antes de extraer conclusións sobre o recurso sindical. A alcaldesa, Carmela López, asegurara entón que, se o TACGal entendía que algún aspecto debía modificarse, o goberno municipal procedería a facelo e continuaría coa tramitación.
Segundo traslada CCOO, o tribunal lembra ao Concello que "o orzamento debe aparecer debidamente desagregado nos documentos de licitación, indicando os custes directos e indirectos, máis outros posibles gastos". O sindicato explica que, neste caso, a documentación non especificaba estas partidas.
A resolución incide tamén nos custos laborais do persoal que prestará o SAF. De acordo coa información facilitada pola organización sindical, tampouco figuraba unha estimación dos gastos de persoal que permitise comprobar a súa adecuación ao convenio colectivo aplicable.
CCOO do Hábitat considera que a corrección dos pregos permitirá coñecer con maior precisión se o orzamento reservado para o contrato resulta suficiente para afrontar os salarios establecidos por convenio e evitar que as condicións económicas da licitación poidan repercutir negativamente nas persoas que traballen no servizo.
"A acción sindical tamén se fai defendendo os dereitos das traballadoras e traballadores nos procesos de contratación pública", sinalan desde Comisións Obreiras, que reivindica o resultado do recurso como froito do traballo realizado para fiscalizar os aspectos laborais do procedemento.
A resolución aborda igualmente unha das cuestións discutidas durante a tramitación: a capacidade de CCOO para recorrer os pregos. Segundo o sindicato, o TACGal rexeita neste punto as alegacións formuladas polo Concello e reafirma a "clara" lexitimación da organización sindical, ao estar o recurso relacionado coas magnitudes económicas da licitación e coa súa vinculación cos custos salariais do persoal.
Unha polémica que viña de días atrás
O pronunciamento do tribunal pon fin á espera aberta nas últimas semanas arredor deste procedemento. O recurso de CCOO xa provocara un cruzamento de críticas políticas despois de que o PP cuestionase a tramitación do contrato e falase dunha "posible nova irregularidade". O Concello respondeu entón que recorrer ao TACGal forma parte dos mecanismos ordinarios de revisión existentes na contratación pública.
A alcaldesa insistira en que non se debían anticipar conclusións mentres o procedemento permanecese aberto. "Se o TACGal entende que hai algún aspecto que debe modificarse, modificarase e o procedemento continuará. Se entende que os pregos son correctos, continuará igualmente", manifestara Carmela López antes de coñecerse a resolución.
O goberno municipal tamén explicara que a convocatoria dun pleno extraordinario urxente estaba motivada polo prazo dispoñible para responder ao requirimento do tribunal e remitir a documentación correspondente. Naquel momento, o Concello asegurou que continuaría colaborando co TACGal ata que se pronunciase sobre o recurso.
Coa resolución do 17 de setembro, o tribunal obriga agora a corrixir a deficiencia detectada na documentación económica da licitación, de maneira que se detallen as partidas necesarias e se poidan contrastar os custos de persoal co convenio colectivo de aplicación antes de continuar co procedemento.