O Concello de Burela rexeita as críticas do PP polo contrato do SAF e pide agardar pola resolución do TACGal

O Concello de Burela respondeu ás críticas formuladas polo Partido Popular arredor da nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e pediu non anticipar conclusións mentres o recurso presentado por CCOO contra determinados aspectos dos pregos permanece pendente de resolución por parte do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (TACGal).
A resposta do goberno local chega despois de que o PP cuestionase novamente a tramitación do contrato e falase dunha "posible nova irregularidade". Os populares criticaron tamén a convocatoria dun pleno extraordinario urxente con menos de 24 horas de antelación e aseguraron que o TACGal reclamara documentación ao Concello a raíz da reclamación sindical.
Desde o executivo municipal consideran que a presentación do recurso constitúe un mecanismo de revisión previsto dentro da contratación pública e sosteñen que será o tribunal o que determine agora se os pregos deben experimentar algunha modificación.
"Non hai que anticipar conclusións. Hai un recurso e hai un Tribunal que o vai resolver. Se o TACGal entende que hai algún aspecto que debe modificarse, modificarase e o procedemento continuará. Se entende que os pregos son correctos, continuará igualmente", defendeu a alcaldesa, Carmela López.
ANTECEDENTES. A rexedora rexeitou tamén que a existencia dun recurso ante o TACGal sexa unha circunstancia inédita en Burela. Segundo os datos achegados polo Concello, desde a posta en funcionamento deste organismo en 2018 tramitáronse outros tres recursos especiais en materia de contratación relacionados coa administración local.
López incidiu en que o primeiro deles foi promovido precisamente polo Grupo Municipal Popular e estaba relacionado cos pregos do contrato de recollida de residuos, limpeza viaria e de praias e xestión do punto limpo. Segundo sinala o Concello, aquel recurso acabou sendo inadmitido polo TACGal.
O executivo local respondeu igualmente ás críticas pola convocatoria do pleno extraordinario urxente. Explica que existen precedentes de sesións destas características en 2020 e 2022 e sostén que, nesta ocasión, a urxencia respondeu ao prazo dispoñible para atender o requirimento do tribunal e enviar a documentación correspondente.
As críticas do PP alcanzaran tamén o desenvolvemento da propia sesión. Os populares aseguraron que López interrompera en varias ocasións ao seu portavoz, Manuel Rouco, e cuestionaron un informe técnico incorporado ao expediente ao afirmar que o documento presentado no pleno non estaba asinado.
Fronte a estas acusacións, a alcaldesa remite á gravación pública da sesión. "O Pleno está gravado e é público. Calquera veciña ou veciño pode velo, escoitar as explicacións e as intervencións de todos os grupos e sacar as súas propias conclusións. Os feitos están aí", manifestou.
Á ESPERA DO TRIBUNAL. O Concello asegura que continuará colaborando co TACGal e achegando a documentación requirida ata que exista unha resolución sobre o recurso de CCOO. O sindicato cuestionou determinados aspectos dos pregos ao considerar que poderían afectar aos dereitos laborais das persoas traballadoras, unha reclamación que o PP empregou para censurar a xestión municipal do contrato.
"Aquí non hai ningún resultado que anticipar. Hai un procedemento administrativo en marcha e un órgano independente que vai resolver", insistiu López. A alcaldesa pediu "rigor, responsabilidade e lealdade institucional" e defendeu que "facer oposición é lexítimo; converter cada trámite nunha sospeita e substituír os argumentos pola descalificación, non".