O PSOE acusa á Xunta de atrasar durante anos a rotonda da Misericordia en Viveiro

O PSOE de Viveiro celebrou que avance finalmente a execución da nova rotonda da Misericordia, na intersección da LU-862 coa LU-539, pero acusou á Xunta de Galicia de ter atrasado durante anos unha actuación que, segundo defende, xa fora preparada polo anterior goberno municipal socialista. A formación considera que o proxecto evidencia un trato diferente ao municipio en función da cor política do executivo local.
A reacción dos socialistas chega despois dos últimos avances nunha actuación coa que se pretende mellorar a seguridade viaria e facilitar a circulación nun punto especialmente relevante para o tráfico pesado. O proxecto contempla unha nova glorieta na zona da Misericordia, unha intervención sobre a que xa se viña traballando desde hai anos no municipio.
Desde o PSOE insisten en que non cuestionan a necesidade da obra nin o investimento autonómico. Pola contra, aseguran que apoian a actuación, pero consideran necesario lembrar os seus antecedentes e reivindicar o traballo realizado durante a etapa de María Loureiro á fronte do Concello.
Segundo explican, o anterior goberno local redactou o proxecto e completou unha complexa tramitación previa, que incluíu as xestións relacionadas cos terreos de Costas e con outras administracións implicadas. Os socialistas sosteñen que este procedemento foi precisamente o que máis tempo levou e que, unha vez rematado, trasladaron á Xunta a necesidade de executar a obra.
O PSOE recalca que non se trataba de solicitar unha subvención autonómica para unha actuación municipal, senón de reclamar a intervención da Administración galega porque as estradas afectadas son de titularidade autonómica.
"NON HABÍA ORZAMENTO"
A formación asegura que representantes do anterior goberno municipal tiveron que desprazarse á Delegación de Pesca e Mar en Viveiro para manter unha reunión cos responsables autonómicos e presentarlles o proxecto e a tramitación realizada.
Segundo a versión dos socialistas, a resposta recibida naquela reunión foi que non existía orzamento para acometer a actuación. O PSOE destaca que nese encontro estaba tamén a actual alcaldesa, Mariña Gueimunde, daquela como representante da Xunta de Galicia, e repróchalle que non reclamase ante os responsables autonómicos a execución da glorieta.
"Estaba alí cando a Xunta lle dixo que non a Viveiro. E calou", sostén a formación, que contrapón aquela situación coa actual. Os socialistas sinalan que, tras o cambio de goberno municipal, "agora hai investimento, agora os responsables autonómicos desprázanse a Viveiro e agora hai anuncios".
Por este motivo, o PSOE formula unha pregunta: "Se a rotonda era necesaria daquela e é necesaria agora, se as estradas eran da Xunta daquela e seguen sendo da Xunta agora, e se o Concello xa realizara o traballo previo, por que daquela non había orzamento e agora si?"
CRÍTICAS A GUEIMUNDE
Os socialistas dirixen boa parte das súas críticas á alcaldesa e consideran que debe explicar por que agora reivindica desde o Concello unha infraestrutura que, segundo o PSOE, non defendeu cando ocupaba responsabilidades no Goberno autonómico.
"A rotonda podería estar feita desde hai anos. Non faltaba necesidade nin traballo por parte do Concello. Faltou a vontade da Xunta de Galicia para executala", aseguran.
O PSOE acusa ademais a Gueimunde de presentar agora como un logro do actual goberno unha actuación que, segundo reivindica, quedara proxectada e coa tramitación previa avanzada durante o anterior mandato. "Mariña Gueimunde reclama agora á Xunta desde a Alcaldía o que non lle reclamaba cando estaba na oposición e ocupaba responsabilidades no propio Goberno galego", critican.
A formación considera que este episodio exemplifica o que cualifica como un trato político desigual cara a Viveiro. "Nós queremos que a Xunta invista en Viveiro sempre. Cando goberna o PP e cando goberna o PSOE. Porque os cartos da Xunta non son do Partido Popular: son de todos os galegos e galegas", defenden.
Pese ás críticas, os socialistas reiteran o seu respaldo á construción da glorieta porque consideran que responde a unha necesidade real do municipio. "Alegrámonos de que por fin se faga. O que lamentamos é que non se fixese cando xa podía facerse", conclúen.
Para o PSOE, o debate vai máis alá desta infraestrutura concreta e deixa unha reivindicación de fondo: que os investimentos autonómicos que recibe Viveiro non dependan de quen ocupe a Alcaldía. "Durante aqueles anos o 'non' da Xunta non era un 'non' a María Loureiro nin ao Partido Socialista. Era un 'non' a Viveiro", sentencian.