O PP ofrece o seu apoio ao PXOM de Barreiros se incorpora unha vía para intentar evitar os derrubos de Lóngara

AMariñaXa
Os populares reclaman ao goberno local que explore todas as alternativas urbanísticas para as seis familias e critican que o planeamento continúe sen culminarse sete anos despois do cambio na Alcaldía
Jose-Manuel-Gomez-PP-Barreiros
4 Sep 2026

O Partido Popular de Barreiros abriu a porta a apoiar a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) se o documento incorpora unha solución legal e urbanística que poida contribuír a evitar a demolición das seis vivendas de Lóngara afectadas por sentenzas de derrubo.

A formación considera que a prioridade neste momento debe ser explorar todas as posibilidades ao alcance do Concello e evitar que a situación derive nun novo enfrontamento político. "Se existe unha vía legal e urbanística que poida contribuír a evitar que estas familias perdan os seus fogares, o Concello ten a obriga de estudala", sostén o PP, que se mostra disposto a "arrimar o ombreiro" se esa alternativa pasa polo novo planeamento.

SETE ANOS SEN PXOM. Os populares centran boa parte das súas críticas no tempo transcorrido desde a chegada do BNG á Alcaldía en 2019. Segundo defenden, o anterior goberno do PP deixou un PXOM "moi avanzado", con boa parte do traballo técnico realizado e a tramitación encamiñada.

"O actual goberno non herdou unha folla en branco", sinalan, asegurando ademais que o equipo técnico redactor que participaba daquela continúa vinculado ao proceso.

O PP sostén que, despois de sete anos, o Concello debería recuperar e culminar ese documento, especialmente ante a situación das familias de Lóngara. A formación vincula tamén as dificultades históricas do planeamento á intervención urbanística de Barreiros durante o Goberno bipartito de PSOE e BNG na Xunta, unha etapa sobre a que mantén unha visión crítica.

APOIO CON CONDICIÓNS. A oferta dos populares pasa por facilitar a aprobación do PXOM sempre que exista unha fórmula xuridicamente viable que poida incorporarse ao documento e axudar aos propietarios das vivendas.

Neste sentido, reclaman á alcaldesa, Ana Ermida, que "estea á altura" e utilice todas as ferramentas legais e urbanísticas dispoñibles. O PP defende que as familias adquiriron e construíron as súas vivendas de boa fe e considera que deben esgotarse as alternativas antes de chegar á demolición.

"Se o bipartito recupera e culmina o PXOM que recibiu moi avanzado do anterior goberno do PP e existe unha solución legal que poida incorporarse para contribuír a evitar os derrubos de Lóngara, atopará ao Partido Popular disposto a falar, colaborar e apoiar", afirma a formación.

Aínda que asegura que non quere alimentar unha confrontación sobre o pasado, o PP responsabiliza politicamente ao BNG de ter impulsado hai anos a oposición ao desenvolvemento urbanístico de Barreiros. Con todo, insiste en que o obxectivo inmediato debe ser buscar unha saída para as seis familias e reclama ao goberno municipal que acelere o planeamento e estude todas as posibilidades legais.

0.15967202186584