O PP critica os atrasos do centro de maiores da Pontenova e reclama unha data para a súa apertura

O Grupo Provincial Popular volve poñer o foco na construción do Centro de Atención a Maiores (CAM) da Pontenova e critica os atrasos acumulados por un proxecto que permanece sen rematar desde hai meses. Os populares reclaman ao goberno provincial que concrete unha data de apertura e aclare o modelo de xestión previsto para as 30 prazas residenciais e as 20 de centro de día anunciadas.
O portavoz provincial do PP, Antonio Ameijide, considera que a decisión de encargar á empresa pública Tragsa a finalización dos traballos confirma as advertencias realizadas pola súa formación sobre a demora da infraestrutura. "Non fai máis que confirmar e darnos a razón sobre todas as denuncias que levamos moito tempo realizando sobre o atraso deste proxecto", sostén.
As obras comezaron en setembro de 2022 cun prazo inicial de execución de 15 meses, aínda que a residencia fora anunciada xa en 2018 coa previsión, segundo lembra o PP, de que estivese finalizada en 2019.
A construción quedou posteriormente paralizada despois de que a adxudicataria, Jesús Naray Construcciones SL, entrase en concurso de acredores. Nese momento, o edificio atopábase executado aproximadamente nun 70 %.
A finais de xullo, a Deputación de Lugo aprobou unha serie de medidas para intentar desbloquear o proxecto, entre elas encomendar a Tragsa os traballos pendentes. Tamén acordou liquidar a obra e o convenio de colaboración co Concello da Pontenova e iniciar unha reclamación por danos e prexuízos contra a anterior contratista.
Máis de dous millóns para finalizar o centro
O estudo técnico e económico elaborado para completar a residencia cifra en 2.032.800,44 euros o investimento necesario. A actuación abrangue tanto a finalización do edificio como a reparación dos elementos deteriorados durante o período no que permaneceu inacabado.
Tamén será necesario incorporar equipamentos e instalacións para a posta en funcionamento do centro, entre eles o sistema de chamada entre pacientes e persoal de enfermería, un ascensor para padiolas e os sistemas de ventilación, calefacción e produción de auga quente sanitaria.
Desde o PP cuestionan agora as consecuencias administrativas da nova situación. Ameijide pide aclarar se a liquidación do convenio inicial pode provocar cambios nas condicións previstas para o centro e se estes poderían afectar aos futuros usuarios.
Os populares tamén consideran que o Concello da Pontenova queda apartado das decisións sobre o futuro da infraestrutura tras a liquidación do convenio de colaboración e reclaman maior información sobre os seguintes pasos do proxecto.
A formación provincial centra especialmente as súas críticas na falta dunha previsión concreta para a entrada en funcionamento do centro. Por iso, reclama "axilidade" para completar as obras e pide que se anuncie tanto o modelo de xestión como unha data para a apertura das 30 prazas de residencia e 20 de centro de día.