O PP acusa o BNG de manter o PXOM de Barreiros "nun caixón" durante case oito anos

O portavoz do Partido Popular de Barreiros, José Manuel Gómez Puente, acusa o Goberno local do BNG de manter paralizada a tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) durante os preto de oito anos que leva á fronte do Concello. Segundo sostén, a documentación oficial do expediente confirma que "aínda non presentou documentación oficial definitiva para a súa aprobación inicial".
As declaracións do portavoz popular prodúcense no marco do conflito que afecta ás seis vivendas de Lóngara sobre as que pesa unha orde de derruba. As familias propietarias levan meses reclamando avances no planeamento municipal e unha alternativa que permita evitar a perda dos inmobles. Os afectados xa reclamaran acelerar o PXOM ao considerar que a súa aprobación podería abrir unha vía para intentar evitar o derrubo.
Gómez Puente explica que, segundo a documentación consultada polo PP, o anterior Goberno municipal presentara no ano 2018 documentación do PXOM que xa incorporaba informes sectoriais. O popular asegura que estes documentos "son perfectamente válidos a día de hoxe", polo que considera que non sería necesario iniciar novamente todo o procedemento.
Segundo o PP, non foi ata o 13 de marzo de 2026 cando se incorporou ao expediente un novo documento de traballo, limitado á planimetría e ás ordenanzas do PXOM para a revisión e corrección de erros. Posteriormente, o 27 de agosto, os servizos municipais de Secretaría-Intervención e Arquitectura emitiron un informe conxunto cunha proposta para corrixir as deficiencias detectadas.
Os populares destacan que os informes sectoriais emitidos anteriormente continúan sendo válidos, xa que, segundo a súa interpretación da documentación, o material presentado este ano non introduce cambios substanciais. "Polo tanto, non estamos ante a necesidade de empezar de cero. O traballo feito segue servindo e, oito anos despois, o BNG continúa traballando sobre a documentación presentada en 2018 sen ter sido capaz de levar o PXOM á súa aprobación inicial", afirma Gómez Puente.
A situación do planeamento ten especial importancia para as seis familias de Lóngara. O PP xa reclamara anteriormente ao Concello que acelerase a tramitación do PXOM e explorase todas as posibilidades legais para intentar evitar o derrubo. En agosto, os populares acusaron o Goberno local de non culminar o novo planeamento e reclamaron buscar unha saída para as vivendas.
Agora, Gómez Puente pon o foco na certificación municipal segundo a cal a documentación actual do PXOM sitúa a zona das seis casas como solo urbanizable, acollido á disposición transitoria 7ª da Lei 2/2026 do Solo de Galicia.
"Se a documentación actual contempla a zona como solo urbanizable, o Concello debe explorar ata a última posibilidade para tratar de evitar as demolicións. Son seis familias que necesitan solucións, non escusas", subliña.
A problemática destas vivendas xa foi abordada en diferentes ocasións polas familias afectadas. A Mariña Xa recolleu en agosto a historia urbanística das seis casas, os antecedentes das licenzas e os atrasos acumulados ao longo de máis de dúas décadas.
O PP reclama agora á alcaldesa e ao Goberno municipal que impulsen a tramitación do PXOM que, segundo defende, recibiu "moi avanzado" do anterior Executivo popular e que, paralelamente, estuden todas as alternativas urbanísticas que poidan contribuír a evitar a demolición das vivendas de Lóngara.
Gómez Puente considera que a situación das familias é "grave" e reclama unha resposta que vaia máis alá da confrontación política sobre o pasado. "O BNG leva preto de oito anos gobernando Barreiros. Xa non pode seguir buscando escusas nin botando balóns fóra. Esta parálise ten consecuencias e non poden pagalas seis familias que viven coa ameaza de perder as súas casas", afirma.
O portavoz popular conclúe reclamando "menos escusas, máis solucións" e que todo o esforzo se centre en buscar unha saída para as familias afectadas. O PP xa manifestara anteriormente a súa disposición a apoiar o PXOM se o documento incorpora unha vía legal e urbanística que poida contribuír a evitar os derrubos de Lóngara. Os populares fixeron pública esa posición a comezos de setembro.