O pavillón municipal de O Vicedo xa leva o nome de Jesús Manuel Bellas "Kubala"

AMariñaXa
O Concello rende homenaxe á súa traxectoria e ao seu compromiso co deporte local nun acto celebrado xunto a familiares, amizades e representantes institucionais
pabellon-vicedo-Kubala-2026
18 Jul 2026

O pavillón municipal de O Vicedo pasou a denominarse oficialmente Pavillón Municipal Jesús Manuel Bellas "Kubala", tras un acto institucional no que participaron familiares, amigos e representantes da corporación municipal. Durante a homenaxe descubriuse a placa que identificará a instalación deportiva co novo nome.

Desde o Goberno local explican que esta decisión pretende recoñecer a fonda pegada que "Kubala" deixou no deporte vicedense ao longo de décadas de dedicación e compromiso. O alcalde destacou a súa constante implicación en múltiples iniciativas deportivas e lembrou a súa colaboración altruísta coa mocidade, especialmente coas primeiras xeracións de xogadores que comezaban a practicar fútbol sala nas ligas locais.

O executivo tamén puxo en valor o seu papel como un dos socios fundadores do equipo de fútbol sala de O Vicedo a finais dos anos noventa, unha iniciativa que contribuíu ao crecemento e consolidación desta modalidade deportiva no municipio.

A súa vinculación co deporte estendeuse tamén aos terreos de xogo, xa que ao longo da súa carreira formou parte de diversos equipos da comarca e doutras localidades próximas. Entre eles figuran o Cañoles, o Landrove, o Ortegal, o Club Xove Lago, o Cervo, o Viveiro Atlético e a Unión Deportiva Folgueiro.

Para o Concello, a nova denominación do pavillón constitúe un recoñecemento a unha persoa que fixo do deporte un espazo de convivencia, compañeirismo e esforzo compartido, ademais de deixar unha destacada pegada no desenvolvemento da actividade deportiva en O Vicedo.

0.12155199050903