O Martínez Otero de Foz renova o céspede cun investimento de preto de 10.000 euros

Foz
AMariñaXa
A actuación permitiu recuperar o terreo de xogo tras o desgaste acumulado durante a tempada e antes do primeiro partido de Liga do CD Foz
campo-municipal-martinez-otero-Foz
4 Sep 2026

O campo de fútbol Martínez Otero de Foz presenta un céspede renovado tras os traballos de rexeneración financiados pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Mocidade. A actuación supuxo un investimento próximo aos 10.000 euros e buscou recuperar as condicións do terreo tras o desgaste provocado polo uso continuado durante a tempada de competicións.

Os traballos foron executados polo CD Foz, como responsable do mantemento das instalacións, e abrangueron diferentes actuacións para recuperar a superficie de xogo. En primeiro lugar retirouse o material vexetal deteriorado e procedeuse á descompactación do terreo.

Posteriormente realizouse un recebado con area silícea, a resembra do céspede e a correspondente fertilización, completando así un proceso destinado a mellorar o estado do campo e favorecer a recuperación da herba.

O deputado Daniel García visitou o Martínez Otero acompañado por integrantes da directiva do CD Foz, que valoraron positivamente o resultado da intervención.

García explicou que se trata dunha "achega excepcional" coa que se busca reducir o esforzo económico que supón para o club conservar as instalacións. O deputado enmarcou esta colaboración na rede de apoio da Vicepresidencia ao tecido deportivo provincial e destacou o papel de entidades como o CD Foz tanto na promoción da práctica deportiva como na vida social dos municipios.

A mellora chega ademais coincidindo co inicio da competición. O Martínez Otero é o campo habitual do equipo sénior do CD Foz, que este domingo disputará nel o seu primeiro encontro de Liga fronte á Residencia.

0.13910794258118