O Goberno local de Foz acusa ao PP de desinformar sobre a segunda rotonda de Cangas

Foz
AMariñaXa
A tenente de alcalde asegura que as obras están previstas para setembro e reivindica o traballo do Concello e do Ministerio para facer realidade a infraestrutura
Concello-de-Foz-2025
30 Jun 2026

O Goberno municipal de Foz respondeu ás críticas do Partido Popular sobre a construción da segunda rotonda de Cangas defendendo que o proxecto continúa avanzando e reclamando á formación popular "respecto, traballo e menos desinformación".

A primeira tenente de alcalde, Inés López Couto, lamentou que o PP cuestione agora a evolución dunha actuación que, segundo indicou, non experimentou avances durante os anos nos que os populares estiveron á fronte do Goberno central. Na súa opinión, a infraestrutura permaneceu paralizada durante ese período e foi posteriormente impulsada grazas á colaboración entre o Concello e o Ministerio de Transportes.

Segundo explicou, a información da que dispón o executivo local apunta a que as obras da segunda glorieta comezarán durante a primeira quincena de setembro, unha vez rematado o verán. López Couto sinalou que a execución estaba condicionada pola modificación dunha liña eléctrica de Begasa, un trámite que xa foi realizado e que permitirá continuar coa actuación prevista.

A responsable municipal tamén criticou que o Partido Popular emitise declaracións públicas sen contrastar previamente a información co Concello. Ao seu xuízo, unha simple consulta permitiría coñecer o estado real do proxecto e evitar mensaxes que considera afastadas da realidade.

López Couto reivindicou igualmente o traballo desenvolvido polo Goberno local socialista para sacar adiante unha demanda histórica da veciñanza de Cangas. Neste sentido, lembrou que, ademais da segunda rotonda, tamén se executarán actuacións destinadas a reforzar a seguridade viaria, entre elas a instalación dunha nova bionda na contorna da rotonda da Gralleira-Ribela.

A tenente de alcalde asegurou que estas actuacións son froito do traballo conxunto das administracións e contrapuxo esa xestión ás críticas do PP, ao que acusou de priorizar a confrontación política en lugar de contribuír á mellora das infraestruturas da comarca.

0.12464714050293