O PP esixe ao Goberno que desbloquee a construción da segunda rotonda de Cangas de Foz

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, reclamaron ao Goberno central que impulse de maneira inmediata a construción da segunda glorieta prevista na estrada N-642, na intersección coa vía que comunica Cangas de Foz co Valadouro. Os representantes populares consideran que se trata dunha actuación necesaria para incrementar a seguridade viaria nun dos cruzamentos con maior intensidade de tráfico da comarca da Mariña.
A petición chega despois da resposta remitida polo Executivo a unha iniciativa presentada no Senado, na que se confirma que a infraestrutura continúa pendente de execución. Segundo a información trasladada polo Ministerio, o atraso está relacionado coa modificación de servizos afectados, uns traballos que atribúe ao Concello e á empresa Begasa e que aínda continúan en tramitación.
O senador José Manuel Balseiro considera que esta explicación evidencia unha falta de planificación por parte do Ministerio de Transportes. Ao seu xuízo, o Goberno non concreta prazos para o inicio nin para a conclusión das obras, malia que a intervención fora presentada como prioritaria para mellorar a seguridade na zona.
O representante popular lembrou que a previsión inicial contemplaba que as dúas rotondas estivesen rematadas antes de 2025 e lamentou que, máis dun ano despois da entrada en funcionamento da primeira, a segunda siga sen avances. Tamén advertiu da elevada intensidade de tráfico que soporta este punto e da necesidade de actuar para reducir riscos e facilitar a mobilidade.
Ademais de reclamar o desbloqueo do proxecto, os senadores do PP solicitaron que, mentres non comecen as obras, se adopten medidas complementarias para reforzar a seguridade no cruzamento e que se planifique a futura execución co obxectivo de evitar as retencións que se produciron durante a construción da primeira glorieta, especialmente para os desprazamentos cara ao Hospital da Costa, Alcoa e o porto de Burela.
Os representantes populares conclúen que a Mariña precisa infraestruturas seguras e lamentan que unha actuación anunciada hai anos continúe sen materializarse.