O GDR Terras de Miranda impulsa na Mariña a transformación dos comedores escolares

AMariñaXa
Profesionais de centros de Barreiros, Lourenzá e Ribadeo participaron nun obradoiro para avanzar cara a menús máis saudables, sustentables e ligados aos produtos de proximidade
taller-comedor-saudable-escolar-barreiros-GDR-2026
4 Sep 2026

O GDR Terras de Miranda continúa desenvolvendo na Mariña o proxecto de cooperación "Comedores Escolares Sustentables", unha iniciativa coa que busca acompañar aos centros educativos na transición cara a un modelo de alimentación máis saudable, responsable e vinculado ao territorio.

Dentro desta programación, Barreiros acolleu este 3 de setembro un obradoiro teórico-práctico de cociña de tempada e proximidade dirixido a persoal de cociña, responsables de comedor, equipos directivos e docentes. Na actividade participaron representantes da Escola Infantil e do CEIP de San Cosme, do CEIP Juan Rey de Lourenzá e do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo.

A formación correu a cargo de Sandra Varela, de Red Chef 2030, e combinou unha charla técnica coa parte práctica. Os asistentes traballaron na elaboración dun menú tipo e na preparación de fichas técnicas con escandallo e cálculo de custos, ferramentas pensadas para facilitar a planificación diaria dos comedores.

A actividade responde tamén á necesidade de adaptar progresivamente os centros aos criterios establecidos polo Real Decreto 315/2025, que introduce novas condicións relacionadas coa alimentación saudable e sustentable nos centros educativos.

O GDR Terras de Miranda busca así facilitar aos profesionais recursos para afrontar estes cambios e, ao mesmo tempo, favorecer a incorporación de produtos de tempada e proximidade aos menús, conectando a alimentación escolar co desenvolvemento local.

"Comedores Escolares Sustentables" é un proxecto de cooperación no que participan cinco Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, coa colaboración de Agader. Está coordinado polo GDR Mariñas-Betanzos e, xunto a Terras de Miranda, forman parte da iniciativa Seitura 22, o GDR Terra Chá e a Asociación Montes e Vales Orientais-GDR3.

0.16494798660278