Barreiros acollerá un obradoiro para impulsar menús escolares máis saudables e sustentables

AMariñaXa
A formación desenvolverase o 3 de setembro nas Escolas e no CEIP de San Cosme e abordará a planificación de menús, os escandallos e os custos nos comedores escolares
ceip-san-cosme-barreiros
30 Aug 2026

Barreiros acollerá o vindeiro 3 de setembro un obradoiro teórico-práctico de cociña de tempada e proximidade dentro do proxecto de cooperación "Comedores Escolares Sustentables". A actividade pretende avanzar cara a un modelo de alimentación nos centros educativos máis saudable, responsable e ligado aos produtos locais.

A formación desenvolverase entre as 16.00 e as 20.00 horas e estará dirixida preferentemente ao persoal de cociña, responsables de comedor e equipos directivos dos centros escolares. A iniciativa busca ofrecer ferramentas que faciliten a adaptación dos menús á nova normativa e ás necesidades dos comedores.

A parte teórica terá lugar nas Escolas de San Cosme, situadas na rúa Vila, mentres que a sesión práctica se trasladará ao CEIP de San Cosme.

O obradoiro será impartido por Sandra Varela, de Red Chef 2030, e incluirá cuestións como a elaboración dun menú tipo, unha charla sobre técnicas e a preparación dunha ficha técnica con escandallo e custos.

A actividade enmárcase na adaptación dos comedores escolares aos criterios establecidos polo Real Decreto 315/2025, que introduce novos requisitos relacionados coa subministración de alimentos e a programación dos menús nos centros educativos. O proxecto pretende acompañar aos colexios neste proceso de transición e promover un modelo alimentario que teña en conta a saúde, o medio ambiente e o desenvolvemento local.

"Comedores Escolares Sustentables" está promovido por cinco Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia en colaboración con Agader. A iniciativa está coordinada polo GDR Mariñas-Betanzos e conta coa participación do GDR Terras de Miranda, Seitura 22, GDR Terra Chá e a Asociación Montes e Vales Orientais-GDR3.

A inscrición no obradoiro é gratuíta e as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden anotarse a través do formulario habilitado pola organización, chamar ao teléfono 982 507 111 ou escribir ao correo terrasmi­randa@gmail.com.

0.14410591125488