O CEIP Vista Alegre de Burela enche o curso de actividades, aprendizaxes e convivencia

AMariñaXa
A ANPA destaca o traballo conxunto da comunidade escolar nun programa que inclúe iniciativas de igualdade, obradoiros, visitas ao rural e propostas culturais
Vista-Alegre-Burela-granxa-escola-becerrea-2026
9 Nov 2026

O CEIP Vista Alegre de Burela afronta o curso escolar cunha ampla programación de actividades que combina aprendizaxe, convivencia, igualdade e participación das familias. A ANPA do centro destaca a implicación de toda a comunidade educativa, formada por familias, profesorado, equipo directivo e asociación, para ofrecer ao alumnado experiencias que complementen a súa formación e contribúan ao seu desenvolvemento.

Unha das primeiras propostas desta etapa foi o "Grand Pai", unha xornada de convivencia na que nenos e maiores compartiron xogos e tarefas domésticas. A actividade buscou promover desde a infancia valores como a igualdade e a corresponsabilidade e contou co apoio do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia.

Novembro chega tamén con iniciativas centradas na educación en igualdade. O colexio desenvolverá o proxecto "O corpo das mulleres: contra a hipersexualización das nenas", financiado pola Xunta mediante a convocatoria SI449C. A proposta rematará coa creación dun mural colectivo baixo a dirección do artista Diego AS.

A programación deste mes inclúe igualmente a celebración do tradicional Magosto. A ANPA colabora na organización coa adquisición das castañas, o seu asado e reparto, así como coa contratación de gaiteiros. A xornada permitirá reunir a alumnado e familias arredor dunha celebración que contribúe a manter vivas as tradicións.

O contacto co medio rural tamén ocupa un lugar destacado nas actividades do centro. A través do programa "Da Granxa á Escola", promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, o alumnado participou xa nun obradoiro de elaboración de queixos coa empresa Bisqato. Ademais, o vindeiro 7 de novembro está prevista unha visita á granxa Teixeiro e Pistón, en Becerreá, para coñecer de primeira man o funcionamento dunha explotación e achegarse ao valor do rural.

Outra das citas que xa se prepara é o Nadal. Dentro do proxecto educativo "O Vista Museo", a comunidade escolar traballa nunha celebración que combinará arte, maxia e diferentes sorpresas, coa colaboración do Concello de Burela.

Estas propostas súmanse aos servizos de Madrugadores e Tardes Divertidas, financiados parcialmente polo Plan Corresponsables, e ás cinco actividades extraescolares que se desenvolven no colexio. A programación complétase con outras iniciativas que buscan facilitar a conciliación familiar e ampliar as oportunidades educativas e de lecer do alumnado.

Desde a ANPA subliñan que todas estas accións responden a unha maneira de entender o centro como algo máis ca un espazo de ensino: unha comunidade na que diferentes persoas colaboran cun obxectivo común. A asociación aposta por seguir impulsando experiencias compartidas e proxectos que impliquen familias e alumnado, convencida de que o traballo conxunto permite enriquecer a vida escolar.

0.12113809585571