O acceso ao polígono industrial de Cuiña, pendente dunha solución definitiva da Deputación

O Concello de Cervo reclama á Deputación de Lugo que reactive e remate as obras de acceso ao polígono industrial de Cuiña, unha infraestrutura considerada estratéxica para o desenvolvemento económico e industrial do municipio. A Corporación municipal aprobou por unanimidade, no último pleno, unha moción presentada polo equipo de goberno para esixir avances nun proxecto que continúa pendente dunha solución definitiva.
A iniciativa pon o foco nas dificultades que presenta o acceso actual, que conecta coa estrada N-642 e que, segundo o goberno local, non está acondicionado para soportar adecuadamente o tráfico pesado asociado á actividade industrial. Esta situación afecta as empresas instaladas no polígono, o persoal traballador e o resto de usuarios, polo que o Concello considera necesaria unha actuación que mellore tanto a circulación como a seguridade viaria.
A moción aprobada insta á institución provincial a reactivar o proxecto coa maior brevidade posible e a impulsar as actuacións necesarias para executar definitivamente a obra. Ademais, solicita que a Deputación remita ao Concello unha planificación concreta na que se detalle o estado actual do proxecto, os trámites que quedan pendentes e unha previsión temporal para continuar e finalizar os traballos.
O acordo tamén reclama información sobre as partidas económicas consignadas ou previstas para financiar a infraestrutura, os importes dispoñibles e os recursos necesarios para levar a cabo a actuación.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, pide que o consenso acadado no pleno se traduza en avances concretos. 'O acceso ao Polígono Industrial de Cuiña non pode seguir acumulando atrasos. Falamos dunha actuación necesaria para as empresas, para as persoas que traballan nel e para garantir unhas condicións de circulación e seguridade adecuadas. Agora que toda a Corporación está de acordo, o que pedimos é que a Deputación dea un paso adiante e concrete cando e como vai acometer esta obra', sinala.
O Concello inviste na mellora do polígono
A reclamación á Deputación coincide con outras actuacións impulsadas polo goberno municipal para mellorar as instalacións do polígono industrial de Cuiña. Entre elas están as obras de renovación e mellora da accesibilidade das beirarrúas do vial principal, cun investimento superior aos 160.000 euros.
Segundo informa o Concello, case o 75 % do custo desta intervención está financiado pola Xunta de Galicia. Os traballos permitirán mellorar a accesibilidade e as condicións de tránsito peonil neste espazo empresarial.
O goberno local tamén aplica unha bonificación do 50 % no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) para favorecer a implantación de novas iniciativas empresariais ou a ampliación de proxectos xa existentes no polígono.
García Caramés insiste en que o Concello continuará reclamando información e avances á Deputación. 'Desde o Concello estamos a facer o noso traballo para mellorar o polígono e apoiar as empresas, pero necesitamos que a Deputación tamén cumpra coa súa parte e dea unha resposta definitiva a unha infraestrutura que leva demasiado tempo pendente', conclúe.