Cervo mellora a accesibilidade do Polígono Industrial de Cuiña cun investimento de máis de 160.000 euros

AMariñaXa
As obras renovan 347 metros de beirarrúas do vial principal e inclúen novas medidas para facilitar o tránsito peonil e o acceso ás parcelas
Cervo-beirarrúas-Polígono
7 Oct 2026

O Concello de Cervo continúa coa mellora das infraestruturas do Polígono Industrial de Cuiña, en San Cibrao, onde se están executando as obras de renovación e mellora da accesibilidade das beirarrúas do vial principal. A actuación conta cun investimento de algo máis de 160.000 euros, dos que case o 75% proceden dunha subvención da Xunta de Galicia ao abeiro da orde de habilitación e melloras de infraestruturas dos parques empresariais de Galicia 2026.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o concelleiro Alfredo Fernández desprazáronse ata o polígono para comprobar a evolución dos traballos, que pretenden mellorar as condicións deste espazo destinado á actividade empresarial e ao emprego no municipio.

O proxecto abrangue un tramo de 347,32 metros das beirarrúas da vía principal. As obras responden ás deficiencias que presentaba este percorrido, con zonas estreitas e pendentes pronunciadas nos accesos ás parcelas.

A intervención contempla a renovación dos pavimentos e a ampliación do espazo para os peóns, así como a adecuación dos accesos ás parcelas e a redución das pendentes nos puntos máis complexos. Tamén se instalará pavimento podotáctil nos pasos de peóns e executaranse novas canalizacións soterradas para o alumeado público.

"Desde o Concello temos moi claro que o Polígono de Cuiña é un espazo fundamental para a actividade económica e para o emprego no noso municipio, e por iso seguimos investindo na súa mellora", sinalou Dolores García Caramés. A alcaldesa engadiu que o obxectivo é actuar sobre as infraestruturas municipais e "dar resposta ás necesidades das empresas e das persoas que traballan e se desprazan diariamente por este espazo".

García Caramés defendeu tamén a necesidade de que o polígono dispoña das mellores condicións posibles en materia de servizos, accesibilidade e seguridade.

Esta intervención súmase a outras actuacións realizadas nos últimos anos para acondicionar o Polígono Industrial de Cuiña. Entre as medidas adoptadas polo Concello figura tamén a modificación da ordenanza fiscal do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), que incorpora unha bonificación do 50% para favorecer a implantación e ampliación de proxectos empresariais neste espazo.

Segundo sinala o Concello, esta medida xa está a ter reflexo coa chegada de novas empresas ao polígono, contribuíndo a reforzar a súa actividade e a consolidalo como un espazo para o desenvolvemento de novos proxectos empresariais.

Ao mesmo tempo, a alcaldesa reclamou que outras administracións cumpran cos compromisos adquiridos con Cervo. Neste sentido, referiuse ao vial de conexión do polígono coa N-642, unha infraestrutura comprometida pola Deputación que continúa sen executarse.

O Concello asegura que vén solicitando información de maneira reiterada sobre o estado deste proxecto e que este mesmo luns remitiu unha nova carta á Deputación para coñecer a situación da actuación e os prazos previstos, sen recibir resposta ata o momento.

"É unha infraestrutura moi necesaria para mellorar a comunicación do polígono e facilitar a actividade das empresas, e cremos que Cervo merece que tamén se cumpra con este compromiso", afirmou García Caramés.

Mentres agarda por esta actuación, o Concello asegura que continuará realizando investimentos e intervencións nos espazos públicos do polígono. As obras actualmente en marcha permitirán dispoñer dunhas beirarrúas máis accesibles, seguras e homoxéneas, dentro da mellora progresiva das instalacións do espazo empresarial.

0.089954853057861