Mateo Fernández: De Xove aos World Games coa selección galega de fútbol gaélico

Por Ana Somoza.
Mateo Fernández López atopou no fútbol gaélico unha nova maneira de vivir o deporte cando as circunstancias o obrigaran a afastarse do fútbol tradicional. Natural de Xove, foi durante o seu terceiro ano de carreira na Universidade de Santiago de Compostela cando un amigo, Gábor, o animou a probar un adestramento. Daquela deixara o seu anterior deporte porque lle resultaba “imposible compaxinar os estudos e a vida na Universidade cos adestramentos e partidos” do seu club xovense. O que inicialmente era simplemente unha experiencia acabou abrindo un camiño que o levou ata a selección galega e os GAA World Games.
A próxima será xa a súa cuarta tempada practicando fútbol gaélico e actualmente defende a camisola do Estrela Vermelha de Santiago de Compostela. Do primeiro contacto coa modalidade lembra especialmente a sorpresa de poder utilizar mans e pés, unha característica que obriga a desenvolver “esa coordinación con ambas partes do corpo”. Pero non foi só o xogo o que conseguiu atrapalo. Desde o principio interesoulle tamén “a parte social e os valores que defende”, coa convivencia entre rivais no terceiro tempo ou os adestramentos e torneos compartidos cos equipos femininos.
DESCUBERTA.
Para quen nunca asistise a un encontro, Fernández explica que o fútbol gaélico é un deporte tradicional irlandés que en Galicia se adapta aos campos de fútbol e se disputa con equipos de nove xogadores. O obxectivo é sumar máis puntos que o rival empregando tanto as mans como os pés. Cada poucos segundos o xogador debe botar a pelota ou realizar un solo, que consiste en deixala caer sobre o pé e recollela novamente sen deter a carreira.
Tamén existen dúas maneiras de puntuar: enviar o balón por enriba do longueiro suma un punto, mentres que introducilo na portería concede tres. Esta dobre puntuación é precisamente unha das características que, para o xovense, incrementa a emoción dos partidos.
A súa experiencia como porteiro tanto no fútbol tradicional como no gaélico permítelle comparar ambas modalidades. Considera que a segunda resulta máis dinámica porque “constantemente estás en movemento” independentemente da posición. Mesmo o porteiro participa activamente, xa que os saques son fundamentais para iniciar os ataques. “No gaélico, cada posesión equivale a unha xogada prometedora para facer un punto”, explica.

SELECCIÓN.
O salto á selección galega supuxo unha recompensa especialmente importante. Fernández non dubida en definilo como “un orgullo inmenso” e como a constatación de que o esforzo realizado estaba dando resultados. A convocatoria adquiriu aínda máis valor polas circunstancias nas que afrontou a tempada: viaxaba desde Xove ata Santiago para poder adestrar e disputar os partidos mentres, ao mesmo tempo, preparaba unhas oposicións.
O camiño cara aos GAA World Games comezou ao rematar a competición cos respectivos clubs. Os seleccionadores elaboraron unha preconvocatoria para iniciar en maio unha preparación da que posteriormente sairían 28 xogadores, divididos nos equipos A e B.
Durante maio e xuño adestraron aproximadamente dúas veces á semana e foron alternando instalacións cedidas por diferentes concellos, entre eles Lalín, O Pino e Boqueixón. O traballo físico e táctico completouse con xornadas formativas nas que participaron un psicólogo da Federación e un xogador profesional de fútbol gaélico en Irlanda.
O resultado foi unha experiencia internacional intensa. Fernández regresou “cansado” polo elevado número de partidos disputados cada día y polas temperaturas que atoparon en Irlanda, pero tamén sorprendido pola capacidade competitiva da expedición galega. Galicia acudiu con catro equipos, dous masculinos e dous femininos, e tres conseguiron gañar as súas respectivas finais.
WORLD GAMES.
Non todo resultou sinxelo. Mateo conserva especialmente na memoria o difícil inicio do primeiro equipo masculino. Na primeira xornada perderon os seus encontros sen conseguir mostrar o nivel que sabían que podían ofrecer. A decepción trasladouse incluso ao desfile do torneo celebrado aquela mesma tarde. “A maioría estabamos con caras longas e sen poder desfrutar o momento”, lembra.
Foi necesario recompoñerse colectivamente. Despois de varias conversas e de darse ánimos uns aos outros, a situación cambiou. Na seguinte xornada conseguiron atopar o seu xogo e recuperar as sensacións positivas, cun equipo que respondeu apoiándose nos momentos máis complicados.
A competición permitiulle tamén comprobar a dimensión internacional deste deporte. O nivel era “moi elevado” e a velocidade de xogo estaba claramente por enriba da habitual na liga galega. Enfrontarse a rivais máis esixentes obrigaba igualmente a elevar o propio rendemento.
Pero os World Games non quedaron reducidos aos resultados. Fernández destaca o ambiente creado entre seleccións. As instalacións permitían seguir simultaneamente numerosos encontros e compartir experiencias con deportistas procedentes doutros países e rexións. A competitividade permanecía dentro do terreo de xogo; fóra, a relación cambiaba por completo. Ao rematar os partidos, lembra, “xa estabamos falando cos rivais para cambiar as camisolas e poder levar algún recordo”.

GALICIA.
Vestir a camisola galega nun escenario internacional tivo para o xogador de Xove un significado que transcende o ámbito estritamente deportivo. Fala de “moito orgullo” por representar a súa comunidade e poder levar “a nosa cultura, tradición e a nosa xente” ata lugares aos que inicialmente parecía difícil chegar.
Ese sentimento aumenta ao comparar a realidade galega coa doutros países. Fernández lembra que Galicia compite contra seleccións de territorios que poden triplicar ou cuadriplicar o número de licenzas, como Francia, e nos que a presenza de xogadores irlandeses resulta relevante. Aquí a situación é diferente: “O 99% dos xogadores e xogadoras que competimos na liga somos galegos”.
Por iso contempla con optimismo o futuro. Cada ano, explica, aumentan tanto as fichas federativas como o número de equipos. Destaca tamén iniciativas como as Gaélico Escolas, que introducen a modalidade nos centros educativos para que nenos e nenas poidan coñecela e participar en torneos.
VALORES.
Se algo lle deixou o fútbol gaélico máis alá dos resultados son “sobre todo o compañeirismo e o respecto polos compañeiros e compañeiras”. Son valores que relaciona directamente coa filosofía dunha modalidade na que a convivencia ocupa un espazo importante e na que se fomenta a participación de homes e mulleres.
Precisamente por iso anima a probar a calquera rapaz ou rapaza que sinta curiosidade. A súa recomendación é sinxela: “Que o probe”. Considera que descubrirán “un deporte diferente e moi dinámico”, no que poden utilizar distintas partes do corpo e onde se favorece que nenos e nenas participen por igual mediante equipos mixtos.
Mateo Fernández chegou ao fútbol gaélico buscando unha alternativa que puidese encaixar coa súa vida universitaria e acabou atopando moito máis. Catro tempadas despois, os desprazamentos entre Xove e Santiago, os adestramentos e o esforzo compartido permitíronlle competir coa selección galega nun dos maiores escaparates internacionais desta modalidade. Unha viaxe que comezou pola invitación dun amigo a un adestramento e que acabou levándoo ata Irlanda representando a Galicia.