Lourenzá renovará o pavimento da Ponte da Pedra para mellorar a seguridade dos peóns

O Concello de Lourenzá acometerá proximamente unha actuación de mellora na Ponte da Pedra, situada nun dos accesos ao casco urbano de Vilanova, co obxectivo de incrementar a seguridade e a comodidade das persoas que transitan por esta infraestrutura.
Os traballos consistirán na renovación completa do chan da pasarela, substituíndo as actuais táboas de madeira, que presentan un avanzado estado de deterioración, por unha nova tarima antideslizante. Esta intervención permitirá reforzar as condicións de uso da ponte e ofrecer maiores garantías aos peóns que a empregan diariamente.
O proxecto conta cun investimento de 13.500 euros, unha cantidade que será financiada integramente mediante un convenio de colaboración coa Deputación Provincial de Lugo.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, visitou a zona acompañada polo primeiro tenente de alcalde, Javier Huertas, para comprobar o estado da infraestrutura e explicar os detalles da actuación prevista.
A rexedora destacou que a renovación do pavimento permitirá mellorar a estabilidade e resistencia da pasarela, ao tempo que incrementará a seguridade e a accesibilidade para os usuarios. Ademais, sinalou que esta obra forma parte dun conxunto de actuacións impulsadas polo Concello para poñer en valor distintos espazos do municipio e contribuír á súa mellora.
Rocío López tamén puxo en valor a cooperación entre administracións para facer posible este tipo de proxectos, destacando que a colaboración institucional resulta fundamental para que os municipios poidan seguir avanzando na modernización das súas infraestruturas e na prestación de mellores servizos á veciñanza.