Jansu-Ujeong, o taekwondo de Viveiro que transforma vidas

GaliciaXa | AMariñaXa
Entre tapices, poomsaes e horas de voluntariado, Jansu-Ujeong consolidouse como unha gran familia que axuda a transformar vidas a través do deporte
jansu
16 Aug 2026

Por Ana Somoza.

Cando se fala de Jansu-Ujeong en Viveiro é importante entender que detrás do nome existen dúas realidades que traballan da man. Por unha banda está a Asociación Cultural Deportiva Ujeong, presidida por Amaya Vilar, e pola outra o Club Taekwondo Jansu-Ujeong, presidido por Felipe Fernández e Juan Carlos Quintana como director técnico. Son entidades diferentes, pero nacidas dunha mesma filosofía e cun obxectivo común: utilizar o deporte como ferramenta de inclusión social.

A historia é recente. Apenas comezou a tomar forma en 2024. Pero en pouco máis dun ano o proxecto converteuse nun referente para ducias de familias da comarca, especialmente para aquelas que atopan máis dificultades no día a día.

Felipe explica que o actual club naceu da unión entre a asociación Ujeong e o antigo club Jansu, procedente de Vilalba. O nome non foi escollido ao azar. “Jansu é un dos poomsaes que existen en taekwondo”, comenta. E cando se lle pregunta que é exactamente un poomsae, explica que se trata dun combate imaxinario no que unha persoa executa movementos de defensa e ataque fronte a varios adversarios ficticios. “Todo está moi corrixido e é moi milimétrico”, sinala.

Pero Jansu tamén significa “auga corrente”, unha idea que encaixa coa filosofía de adaptación e movemento constante que inspira o proxecto. No caso de Ujeong, a palabra significa amizade, familia ou grupo de amigos. “Como eramos unha asociación formada por persoas que viñan de sufrir diferentes situacións, pensamos que o mellor era unirnos como unha familia”, explica Amaya.

INCLUSIÓN. A realidade social que rodea ao proxecto é probablemente o que o fai diferente doutros clubs deportivos. Segundo explican os seus responsables, aproximadamente o 90 % dos seus membros son persoas neurodiverxentes. Entre eles hai nenos con TDAH, trastornos do espectro autista, dislexia ou diferentes dificultades de socialización. Tamén hai familiar que axudan á inclusión e coexión entre todos e outras que non posúen neurodiverxencias.

Tamén hai familias procedentes doutros países que chegaron á Mariña buscando unha oportunidade. Viveiro, como outros municipios costeiros, recibiu nos últimos anos numerosas familias de Filipinas, Perú e distintos países sudamericanos vinculadas ao sector pesqueiro. “Temos moitas familias monoparentais sudamericanas que chegaron aquí coa esperanza de atopar unha vida mellor”, comenta Felipe.

Moitas veces detrás destas historias existen situacións persoais complexas. Casos de violencia de xénero, menores que sufriron acoso escolar ou familias que atravesaron circunstancias traumáticas. “Temos nenos que sufriron bullying, violencia de xénero nas súas casas ou situacións moi difíciles”, explica. Por iso os primeiros pasos dentro do club non se centran tanto no aspecto deportivo como no emocional.

CONFIANZA. Amaya Vilar é a primeira persoa coa que adoitan contactar os menores cando chegan ao proxecto. O seu labor céntrase na adaptación inicial.
“Moitos chegan cunha autoestima moi baixa, sen confiar en si mesmos e con problemas de coordinación”, relata. Por ese motivo o que realizan inicialmente non é exactamente taekwondo. Ela mesma o define como un “pre-taekwondo”.

Os exercicios céntranse na psicomotricidade, na repetición de movementos, na aprendizaxe de rutinas e na adquisición de confianza. “É cuestión de intentalo, animar, motivar, motivar e motivar”, resume. O obxectivo é que os nenos e nenas vaian descubrindo que son capaces de facer cousas que antes crían imposibles. Pouco a pouco comezan a coordinar movementos, a relacionarse cos compañeiros e a sentirse seguros dentro dun grupo. Esa transformación é, para os responsables do proxecto, tan importante como calquera medalla.

VOLUNTARIADO. Un dos aspectos máis sorprendentes de Jansu-Ujeong é que todo o traballo realizado se desenvolve de forma completamente altruísta. “Somos Acción Voluntaria, inscritos no Concello e Xunta”, afirman. Iso significa que nin Amaya nin Felipe reciben ningún tipo de compensación económica. Nin salarios, nin dietas, nin gastos de desprazamento. “Pagámolo todo desde o Club e a Asociación, intentando que as familias teñan os mínimos gastos posibles”, aseguran. Afirmación que non queda nunha frase feita. Os desprazamentos a competicións, os acompañamentos a eventos deportivos e moitas actividades extraordinarias son financiadas directamente polos propios responsables.

“Aos nenos levámolos aos campionatos cos nosos coches”, explica Felipe. A única achega económica obrigatoria é a licenza federativa e a cota socio do Club, que permite que todos os practicantes estean cubertos por un seguro deportivo e poder dispoñer das horas e localizacións de adestramento. Actualmente son 74 integrantes e todos están federados. A pesar das dificultades económicas, teñen claro que non queren renunciar ao proxecto. “Non o facemos por cartos. Facémolo pola parte emocional”, asegura Amaya.

ACOMPAÑAMENTO. O labor da entidade vai moito máis alá das horas de adestramento. Nas familias monoparentais, especialmente cando as nais están traballando, o club convértese nunha auténtica rede de apoio. “Moitas veces imos recoller os nenos para que non queden sós”, explican.
As comunicacións coas familias son constantes. Avisan cando os menores chegan aos adestramentos, cando rematan e mesmo cando regresan ás súas casas. A seguridade é unha prioridade absoluta.

Tamén existen normas claras. Os menores deben avisar cando faltan, manter un comportamento adecuado e cumprir coas súas responsabilidades académicas. “Se baixan as notas, primeiro hai que estudar”, sinalan. Outra regra é que os pais non entren no pavillón durante os adestramentos. O motivo é fomentar a autonomía. “Queremos que aprendan a calzarse sós, a atarse o cinto e a resolver pequenas situacións por eles mesmos”, explican.

EVOLUCIÓN. Os resultados deste traballo comezan a verse con claridade. Segundo relatan Amaya e Felipe, diferentes profesionais da psicoloxía que atenden aos menores destacaron os avances acadados. “Viron unha gran evolución”, afirman. Hai casos especialmente emocionantes. Nenos que permanecían illados nos recreos, menores con comportamentos agresivos ou dificultades graves para relacionarse que lograron integrarse.

Tamén lembran rapaces que non soportaban entrar nun pavillón deportivo e que agora participan en competicións oficiais. “Algúns conseguiron incluso medallas nos campionatos escolares galegos”, comentan con orgullo. Pero insisten en que o importante non son os resultados deportivos. “O importante é velos desfrutar e integrarse”, destacan. Esa satisfacción é precisamente o que os impulsa a seguir adiante malia as dificultades.

FUTURO. Actualmente adestran de martes a sábado e desenvolven a súa actividade principal nas instalacións do IES Vilar Ponte de Viveiro. Tamén teñen presenza en Burela, na aula multidisciplinar da Escola de Música, e en Vilalba, nun espazo cedido polo Concello.

Contan ademais co apoio técnico de Juan Carlos Quintana, adestrador nacional e director técnico da entidade. “Quintana é o que ensina realmente o taekwondo”, explican. É quen transmite os coñecementos sobre os poomsaes, os exames de grao, os nomes técnicos e a filosofía da arte marcial.

A curto prazo o principal reto é moi claro. “Manternos. Custe o que custe”, afirma Amaya. Ao mesmo tempo queren seguir medrando. Cada vez máis terapeutas recomendan o proxecto e o número de menores interesados aumenta constantemente. Porén, esa expansión tamén supón novos desafíos. “Necesitariamos máis voluntarios”, recoñecen. Porque detrás de cada clase hai moito máis que unha actividade deportiva. Hai acompañamento, apoio emocional, integración social e unha enorme dedicación persoal.

Por iso, cando algunhas familias lles din que están perdendo diñeiro, Amaya responde cunha reflexión que resume perfectamente o espírito de Jansu-Ujeong. “Non perdo nada. Eu gaño moito mental e emocionalmente”.

Quizais esa frase explique mellor ca ningunha outra por que un proxecto nacido hai tan pouco tempo conseguiu converterse nunha auténtica familia para decenas de nenos e nenas da Mariña. Un lugar onde aprender unha patada ou un poomsae é importante, pero onde o fundamental é descubrir que cada persoa pode atopar o seu sitio, confiar en si mesma e avanzar, paso a paso, cara a un futuro mellor.

 

0.12074494361877