Foz inaugura unha obra inspirada en Manuel María para lembrar a súa esencia tradicional

Foz
AMariñaXa
A obra, creada polo artista Xosé Blanco e inspirada nun poema de Manuel María, será inaugurada este sábado no antigo edificio de Telefónica
Novo-mural-simulacion-Foz
8 May 2026

O Concello de Foz inaugurará este sábado, 9 de maio, ás 12:00 horas, un novo mural artístico dedicado á memoria do Foz labrego e mariñeiro, unha creación que busca recoñecer a identidade histórica e social do municipio a través da arte pública. A obra está situada no coñecido como edificio de Telefónica, na confluencia das rúas Eduardo Pondal e Salvador de Madariaga.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, destacou que esta iniciativa pretende “poñer en valor o pasado e as raíces que explican o presente do municipio”, rendendo tributo tanto ás xentes do mar como ás do interior.

O mural foi deseñado polo artista valadourense Xosé Blanco e elaborado en azulexo, seguindo a liña estética doutros murais emblemáticos da vila, como os de Rente ao Mar ou As Pescantinas, situados na zona portuaria. A obra mantén unha marcada influencia da tradición artística ligada ao universo de Sargadelos e á figura de Xosé Vizoso, considerado referente e mentor do autor.

Segundo explicou o rexedor, o mural busca representar “o Foz do mar e tamén o do interior”, facendo visible a importancia que tiveron a agricultura e a pesca na configuración económica e cultural da localidade ao longo das xeracións.

A creación artística está ademais inspirada nun poema de Manuel María pertencente ao libro Versos Floridos en Louvanza de Foz, publicado pola librería Bahía. Un dos versos desta obra literaria figura como encabezamento do mural, reforzando así a conexión entre patrimonio artístico, memoria colectiva e literatura galega.

O acto inaugural contará tamén cunha dimensión cultural e musical. Durante a celebración participará Tono Alonso, que interpretará poemas musicados de Manuel María, ademais do propio autor do mural e representantes da Fundación Manuel María. No evento estarán presentes igualmente integrantes do goberno municipal.

Como peche da inauguración descubrirase oficialmente o mural e interpretarase o himno galego acompañado de gaitas, nun acto simbólico que servirá para reivindicar a identidade cultural e histórica de Foz a través da arte e da memoria popular.

0.096126079559326