Claudia Rodríguez, unha vida de compromiso co fútbol sala

Foz
AMariñaXa
A deportista focense repasa unha traxectoria marcada polo esforzo, os éxitos co Burela FSF e a defensa do deporte feminino, sen esquecer nunca as súas raíces
Claudia-rodriguez-Foz-merito-deportivo-2026
19 Jul 2026

Por Ana Somoza.

Recibir a Medalla ao Mérito Deportivo de Galicia é un recoñecemento reservado a aquelas persoas que deixan pegada no deporte galego. No caso da focense Claudia Paola Rodríguez Teijeiro, a distinción chega despois de décadas de entrega ao fútbol sala, dunha carreira construída desde a humildade e o traballo diario e dun percorrido que a converteu nun dos grandes referentes do deporte feminino na Mariña.

A xogadora, nacida en Foz en 1984, iniciou a súa relación co balón cando apenas era unha nena. Daquelas, o fútbol sala feminino daba os seus primeiros pasos na comarca e poucas persoas podían imaxinar que aquela rapaza que acudía aos adestramentos do KX con só 12 anos acabaría converténdose nunha das capitás máis recoñecidas do Pescados Rubén Burela FSF e nunha figura admirada por varias xeracións de deportistas.

A propia Claudia recoñece que a recente distinción foi unha das emocións máis especiais da súa vida. Explica que a medalla supón “un orgullo enorme” e que representa o recoñecemento a “moitos anos de esforzo, sacrificio e dedicación”. Pero, lonxe de entender o galardón como un logro individual, insiste en compartilo con todas as persoas que a acompañaron no camiño. “É un premio que quero compartir e agradecer á xente que me apoiou durante a miña carreira deportiva, sobre todo á miña familia”, asegura.

INICIOS. Ao falar dos seus primeiros pasos no fútbol sala, a focense transporta a memoria a unha época na que todo era ilusión. Lembra que era a máis nova do grupo e que agardaba con impaciencia a chegada dos adestramentos. “Desexaba que fose día de adestramento para xogar e aprender”, relata.

Daquela etapa conserva recordos especialmente felices. Conta que gozaba enormemente compartindo pista con compañeiras maiores ca ela e destaca o cariño recibido. “Pasábao moi ben, disfrutaba xogando e ría moito con elas. Eran persoas moi alegres e cariñosas comigo”, lembra. Aquel ambiente foi decisivo para consolidar unha paixón que acabaría marcando boa parte da súa vida.

EVOLUCIÓN. O fútbol sala feminino de finais dos anos noventa pouco ten que ver coa realidade actual. Claudia explica que naquela época existían equipos en diferentes localidades da Mariña, como Foz, Burela, Ribadeo ou Barreiros, pero o deporte desenvolvíase nun contexto moi diferente. Segundo relata, non existían categorías de base estruturadas e a visibilidade era mínima. “Os medios de comunicación cubrían moi poucas sesións de fútbol sala feminino e iso limitaba o seu crecemento e recoñecemento social”, explica.
As xogadoras practicaban deporte por afección. “Compaxinabamos o fútbol sala cos estudos e algunhas incluso co traballo e a vida familiar”, lembra. A profesionalización era inexistente e os recursos escasos.

Por iso observa con satisfacción os avances conseguidos. Considera que hoxe existen mellores condicións, máis apoio por parte dos clubs e unha maior presenza mediática. “Pasou de ser un deporte de ocio e pouco recoñecido a ser un deporte máis profesional, visible e en constante crecemento”, resume.

“A miña disciplina, a constancia e o traballo diario foron claves na miña traxectoria” 

BURELA. Se hai un nome inseparable da carreira de Claudia Rodríguez ese é o do Pescados Rubén Burela FSF. Durante anos converteuse nunha das xogadoras emblemáticas do club e nunha das líderes do vestiario. Ao lembrar esa etapa, a deportista asegura que significou moito máis que practicar un deporte. “Foi o club que me deu a oportunidade de competir ao máis alto nivel, de aprender e medrar como xogadora e como persoa”, explica.

A súa voz emocióase cando fala da entidade laranxa. Non dubida en afirmar que “é o club do meu corazón”, unha frase que resume perfectamente o vínculo creado durante tantos anos. Como capitá viviu momentos inesquecibles. Destaca especialmente os encontros nos que o equipo foi capaz de superar situacións límite grazas á unión do grupo. Recorda con especial agarimo a primeira clasificación para a Copa nunha tempada na que o único obxectivo era evitar o descenso.

Pero por enriba de todo sitúa un momento concreto: o ascenso á División de Honra en 2010. “Éramos un equipo moi familiar”, lembra. Aquel grupo reducido e aquela afección fiel deixaron unha pegada imborrable. “Chamáronnos os Dez Soles Laranxas”, comenta con orgullo.

SACRIFICIO. Detrás dos títulos e dos éxitos había unha realidade moito máis esixente do que podía parecer desde fóra. Claudia recoñece que compaxinar deporte, estudos e traballo non foi nada sinxelo. As súas lembranzas están cheas de viaxes interminables e de esforzos diarios. Mentres estudaba na Coruña adestraba parte da semana alí e completaba a preparación en Burela. “Chegabamos á casa máis tarde da unha da mañá”, relata.

Posteriormente chegaron os destinos laborais como docente. Finisterre, Ourense, Narón, Vilalba, Xove ou Mondoñedo forman parte dunha lista de lugares desde os que mantivo intacto o compromiso co deporte.

“A miña vida foi aprender a compaxinar estudos, traballo e fútbol sala”, resume. Unha realidade que define perfectamente o camiño seguido por moitas deportistas da súa xeración.
Ao analizar as claves do seu éxito, Claudia non fala primeiro de talento. Prefire destacar outros valores. “Principalmente a disciplina, a constancia e o traballo diario”, asegura. Tamén ten claro que o talento por si só non chega. “Sen traballo e esforzo persoal non se chega moi lonxe”, afirma. Para ela, a diferenza márcana a responsabilidade, a capacidade de superación e as ganas de mellorar.

“O fútbol sala feminino pasou de ser un deporte de ocio e pouco recoñecido a ser un deporte máis profesional e visible” 

FAMILIA. Ao longo da conversación aparece constantemente unha palabra: familia. Claudia considera que nada do conseguido sería posible sen o apoio recibido desde pequena.
Describe aos seus pais e aos seus avós como os grandes responsables da súa carreira deportiva. “A miña familia é a principal culpable de que eu me dedicase a isto”, comenta cun sorriso.

Agradece especialmente que estiveran presentes tanto nos momentos felices como nos máis difíciles. “Ensináronme a ser constante, responsable e a esforzarme”, destaca.
Tamén conserva un profundo agradecemento cara á súa vila natal. Explica que en Foz sempre atopou cariño e interese pola súa evolución deportiva. Os veciños preguntaban polos resultados e seguían a súa carreira con atención. Ese vínculo permanece intacto. “Foz sempre foi o punto ao que volver. Onde están os meus. A miña casa”, afirma. E engade unha frase que resume toda unha vida: “En Foz empezou todo”.

FUTURO. A pesar dos avances conseguidos, Claudia considera que o fútbol sala feminino aínda ten importantes desafíos por diante. Reclama máis visibilidade, máis recursos, maior profesionalización e igualdade de oportunidades. Pon exemplos concretos das diferenzas que continúan existindo respecto ao fútbol sala masculino. Considera que é necesario incrementar o apoio institucional e mellorar a cobertura mediática para seguir avanzando. Tamén insiste na importancia da canteira. “É o futuro de calquera equipo”, asegura.

Ás nenas que comezan hoxe neste deporte envíalles unha mensaxe clara. “Que desfruten moito xogando, que crean nelas mesmas e que non permitan que se lles diga que non poden”, afirma. Defende que con esforzo, ilusión e compañeirismo se poden alcanzar grandes metas.

Quizais por iso a Medalla ao Mérito Deportivo de Galicia transcende o simple recoñecemento individual. A figura de Claudia Rodríguez representa a unha xeración de mulleres que abriron camiño cando o fútbol sala feminino apenas contaba con espazos de visibilidade. Deportistas que viaxaban centos de quilómetros para adestrar, que compaxinaban o deporte co traballo e cos estudos e que construíron, desde o anonimato en moitas ocasións, os alicerces do fútbol sala actual.

Cando se lle pregunta como lle gustaría ser lembrada, a súa resposta volve reflectir a filosofía que guiou toda a súa carreira. Gustaríalle que a recordasen “como unha persoa comprometida, traballadora e apaixonada polo deporte”. Non só polos títulos nin polos éxitos acadados, senón tamén polo compañeirismo, polo respecto e pola capacidade para superar dificultades. Unha definición que encaixa perfectamente coa historia dunha deportista que levou o nome de Foz e da Mariña por toda España e que segue sendo, hoxe, un exemplo para as novas xeracións.

0.12300896644592