"Cinco anos despois, seguimos aquí": a ANPA do Vista Alegre reclama solucións e rexeita "guerras políticas"

A presidenta da ANPA do CEIP Vista Alegre de Burela, Sara Calvo Yanes, fixo un pronunciamento público que reivindica os cinco anos de traballo da comunidade educativa para conseguir unha reforma integral do colexio e rexeita que detrás das súas reclamacións exista ningún tipo de manipulación política. "Non queremos guerras políticas. Non queremos buscar culpables. Queremos solucións", resume.

A reflexión chega despois de que representantes da ANPA acudisen este xoves ao Pleno do Concello de Burela, onde se debateu unha moción sobre as necesidades dos centros educativos da vila. Fixérono vestidos con cascos e chalecos de obra, unha protesta silenciosa coa que volveron poñer o foco sobre a situación do Vista Alegre.
"Onte sentámonos no pleno do Concello de Burela para defender, unha vez máis, aquilo polo que levamos cinco anos traballando: a reforma integral do CEIP Vista Alegre", explica Calvo Yanes. Para a presidenta, a vestimenta utilizada durante a sesión foi un xesto simbólico, pero cargado de significado.
"Representa cinco anos enviando escritos, cinco anos solicitando reunións, cinco anos reuníndonos, cinco anos explicando as necesidades do noso centro e cinco anos escoitando que existen outras prioridades", relata. Un período que sintetiza en tres ideas: "Cinco anos de traballo. Cinco anos de espera. Cinco anos de escusas. E seguimos aquí".
A presidenta da asociación quixo responder tamén ás consideracións realizadas durante o debate plenario sobre unha posible influencia política nas reivindicacións da comunidade educativa. "Quero deixar moi claro que esta reivindicación non está manipulada por ningún partido político", afirma.
Calvo Yanes defende que as reclamacións parten do coñecemento acumulado durante estes anos e do traballo desenvolvido pola comunidade escolar. "Sabemos o que é mantemento. Sabemos o que é unha reforma integral. Sabemos o que é unha actuación estrutural e o que non o é", sinala, lembrando que durante este tempo mantiveron reunións, presentaron escritos e buscaron información sobre as necesidades do edificio.

A presidenta pon como exemplo o propio Consello Escolar, formado por persoas con sensibilidades diferentes. "Somos moitas persoas, todas diferentes, con formas distintas de pensar e, seguramente, de diferentes cores políticas", apunta. Por enriba desas diferenzas, asegura, existe unha prioridade común: "o benestar dos nenos e nenas do CEIP Vista Alegre".
AGRADECEMENTOS
Boa parte da súa mensaxe está dedicada a recoñecer ás persoas que sostiveron a reivindicación durante estes cinco anos. En primeiro lugar, Calvo Yanes agradece o labor das súas compañeiras e compañeiros da directiva da ANPA —Cristina, María, Mabe, Mónica, Marta, Jesús, Fani e Romina— e lembra o esforzo persoal que implica manter unha mobilización destas características.
"Non é fácil sacar tempo das nosas familias, dos nosos traballos e das nosas vidas para estar pendentes de escritos, reunións, chamadas, reivindicacións... e moito menos cando pasan os meses e as solucións non chegan", admite. "Grazas por estar sempre. Por empurrar cando unha xa está cansada. Por non deixar que deixemos de loitar", engade.
O recoñecemento esténdese ao equipo directivo do CEIP Vista Alegre, lembrando que as demandas de melloras no colexio son anteriores á actual mobilización da ANPA. "Esta loita non comezou con nós", afirma a presidenta, que destaca que a dirección xa levaba anos reclamando actuacións antes de que as familias iniciasen este camiño.
Tamén dedica unhas palabras ao profesorado, ao que agradece que consiga cada día que "o Vista Alegre sexa moito máis ca un edificio". Para Calvo Yanes, o centro segue sendo, pese ás deficiencias denunciadas, "unha escola, un lugar onde os nosos fillos medran, aprenden e crean lembranzas".
As familias ocupan igualmente unha parte importante dos agradecementos. A presidenta admite que resulta difícil explicar "o emocionante que resulta sentir que non estás soa" e comprobar que detrás das reclamacións existe "unha comunidade enteira".

Pero as palabras máis especiais están reservadas para o alumnado. "E, sobre todo, grazas aos nosos nenos e nenas. Sodes uns campións!", escribe. Calvo Yanes lamenta que leven "demasiado tempo convivindo con situacións que non vos corresponden" e destaca que, pese a todo, continúan "aprendendo, xogando, rindo, medrando e enchendo o Vista Alegre de vida". "Vós sodes o motivo de todo isto", afirma.
UNHA CHAMADA
A reflexión aberta coincide ademais cunha data especial para a presidenta da ANPA. Este venres, 25 de setembro, é o seu aniversario, unha circunstancia que aproveita para formular un desexo directamente relacionado coa reivindicación que mantén desde hai anos.
"Oxalá ao longo deste día reciba esa chamada que levo tanto tempo esperando. Oxalá alguén me chame para dicirme que a reforma integral do CEIP Vista Alegre é unha realidade", expresa.
Unha chamada que lle gustaría transformar nunha noticia para o alumnado: poder reunir aos nenos e nenas e anunciarlles que, finalmente, chegou o momento de acometer as obras.
Ata que iso suceda, Sara Calvo deixa claro que a ANPA non pensa abandonar as súas reclamacións. "Seguiremos traballando. Seguiremos reivindicando. Seguiremos insistindo. Porque cinco anos xa son demasiados", conclúe a presidenta, antes de pechar o seu comunicado cunha mensaxe dirixida á comunidade educativa: "Polo Vista Alegre. Pola nosa comunidade educativa. E por vós, os nosos nenos e nenas. Viva o Vista Alegre!"