Cervo estrea o renovado parque infantil Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane

As familias de Cervo xa poden desfrutar do renovado parque infantil Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane. O Concello abriu este xoves ao público as instalacións, situadas na contorna da rotonda próxima á Casa do Concello, despois de completar unha reforma integral que supuxo un investimento de 261.385,74 euros.
A estrea do novo espazo estivo acompañada de música e actividades especialmente pensadas para as crianzas, entre elas pintacaras e globoflexia.
A intervención permitiu transformar un parque moi utilizado polas familias e adaptalo ás necesidades actuais, cunha aposta pola seguridade, a accesibilidade e a incorporación de alternativas de lecer para diferentes idades.
Entre as principais novidades atópase unha tirolina, un elemento que, segundo explicou a alcaldesa, Dolores García Caramés, fora solicitado en numerosas ocasións polos propios nenos e nenas. "Escoitalos tamén é gobernar, e hoxe podemos ver esa ilusión convertida en realidade", sinalou.
NOVOS XOGOS
A reforma incluíu a retirada dos antigos xogos e a súa substitución por novos elementos homologados, ademais da colocación dun pavimento continuo de caucho de seguridade e da renovación completa do peche perimetral.
O parque dispón agora dunha gran estrutura de aventura, unha área específica para as primeiras idades, novos columpios e xogos de resorte. Incorporáronse tamén elementos inclusivos para favorecer que as crianzas poidan compartir o espazo en igualdade de condicións. Ao mesmo tempo, ampliouse a zona destinada aos usuarios de maior idade.
A actuación foi sufragada integramente con fondos propios do Concello. García Caramés destacou o esforzo económico realizado e asegurou que o obxectivo é reinvestir os recursos municipais en actuacións que melloren a calidade de vida da veciñanza.
"Queremos que Cervo siga sendo un concello pensado para as familias", indicou a alcaldesa, que considera que a remodelación permitirá recuperar este parque como un dos principais puntos de encontro e lecer infantil do municipio.